A Aula CeMIT programa dous novos cursos e a obtención do certificado de competencia dixital

0

A Aula CeMIT de San Sadurniño é un centro dedicado á mellora da competencia dixital daquelas persoas que, por calquera circunstancia, non se defendan ben coas novas tecnoloxías ou que queiran desenvolverse con soltura co ordenador, a táblet, o móbil, a cámara dixital, etc. Ademais de axuda personalizada ante calquera dúbida que teñamos, a aula tamén ofrece un punto de acceso a formación presencial e remota sobre practicamente todo o que ten que ver coa comunicación dixital. Para os próximos meses ten unha oferta moi interesante e tamén moi variada, entre a que se conta un curso sobre o manexo da táblet, outro de youtube e o apoio para a obtención do certificado de competencia dixital en ofimática coñecido como CODIX.

A primeira das opcións formativas presenciais da Aula CeMIT desenvolverase do 12 ao 21 de marzo en horario de 10 a 12.30h. e estará centrada na introdución ao manexo da táblet. Estes dispositivos son especialmente doados de usar por parte daquelas persoas de idade avanzada que nunca tiveran contacto con internet. Con elas pode facerse o mesmo que cun ordenador: navegar, ver fotos e películas, usar aplicacións, enviar correos, etc. Este curso de iniciación ensinaranos o uso básico do dispositivo. Non fan falla coñecementos previos nin tampouco ter tableta, xa que na aula nos prestarán unha. Hai 7 prazas dispoñibles e xa está aberto o prazo de inscrición.

O segundo curso presencial que ofrece a Aula CeMIT de San Sadurniño  ocuparase da posta en marcha dunha canle de youtube para podermos gardar nela os nosos vídeos e darlles difusión a través da rede. Os formatos, como personalizar a canle, aprender a xestionar as subscricións e analizar as estatísticas de visitas son só algúns dos temas que se tratarán no curso, para o que fai falla ter coñecementos básicos no manexo de internet e do teléfono móbil intelixente. A actividade desenvolverase entre o 12 de marzo e o 11 de abril os luns, martes e mércores das 10 ás 12.30h.

Curso para a obtención do CODIX
Desde a aula tamén se informa de que entre o 24 e o 30  de xaneiro permanecerá aberto o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, máis coñecida como CODIX. Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, ter alta de persoa usuaria da rede CeMIT e abonar a taxa de 10,20€ correspondente aos dereitos de exame.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación. Son 190 horas sobre sistema operativo e internet, aplicacións informáticas de bases de datos, aplicacións para presentacións gráficas e, por último, aplicacións de tratamento de textos, todas elas en software libre. A preinscrición pode facerse a través de https://cemit.xunta.gal ou tamén pode acudirse á Aula CeMIT para obter axuda.

Por outra banda, na plataforma de formación da Rede CeMIT tamén é posible realizar unha boa presada de cursos a distancia relacionados coas TIC e mesmo obter un certificado formativo. Cada un deles anda entre as 4 e as 10 horas de formación que se pode seguir en calquera momento desde a casa. Iso si, os exames de cada módulo haberá que facelos presencialmente na Aula CeMIT.

Os cursos dispoñibles son os seguintes: Control parental, Seguridade informática, Uso do libro electrónico, Uso da tableta, Uso da cámara dixital, Uso de dispositivos electrónicos, O correcto aproveitamento do smartphone, Cloud computing, Comercio electrónico, Mercadotecnia e mercadotecnia nas redes, Vendas no muro, Posicionamento social, Creación de blogs, Redes sociais, Administración electrónica, Trámites económicos na Internet, Factura electrónica, Tramitación electrónica e xestión de documentación, Seguridade en compras virtuais e Innovación social.

Para inscribirse en calquera curso -presencial ou a distancia- ou para obter información sobre as actividades da Aula CeMIT abonda con pasar polas súas instalacións, situadas no primeiro andar da Casa da Cultura. Tamén se pode contactar coa axente TIC a través do 616 016 793 -teléfono e whatsapp- ou mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.

Share.