A Asociación Brío tamén inicia curso cunha oferta ampliada

0

A Asociación Cultural Brío é unha das entidades máis activas de San Sadurniño e coñecida pola maioría gracias aos seus grupos de hip-hop e outras danzas modernas. Porén, nos últimos tempos o colectivo está diversificando os seus programas con outras propostas que combinan en todo caso cultura, exercicio, hábitos saudables e mesmo a solidariedade, como puidemos ver recentemente na exitosa andaina contra o cancro na que participaron preto de 400 persoas. Nesa liña, a asociación acaba de publicar a oferta para o curso 2019/2020, que abrangue os seus obradoiros habituais e tamén novas iniciativas.

Tal e como publica na súa páxina en Facebook, a AC Brío ten confirmado grupo de hip-hop para rapazada, aínda que quere aumentar o número de compoñentes. Para iso -igual que para o resto de actividades que organizan- propoñen un arranque de curso en modo proba que ten por obxectivo testar se hai interese suficiente e despois quedar unicamente coas iniciativas que realmente funcionan.

Así, este serán de 19.30 a 20.30h. as nenas e nenos poderán asistir na Casa da Cultura á primeira clase de hip-hop e, de 20.30 a 22.00h. tocaralle a quenda ao grupo de máis idade, no que tamén pode entrar calquera persoa á que lle guste a disciplina.

Alén desta opción, a asociación tamén ten previsto montar a finais de setembro clases abertas de baile moderno, baile tradicional e defensa persoal, cuxa continuidade dependerá do número de inscricións. O mesmo ocorre co seu proxecto de patinaxe, para o que contan poder armar un grupo de iniciación  e outro de perfeccionamento practicando no ximnasio do CPI. As datas e horarios concretos publicaranse nas súas redes sociais proximamente.

O que si está máis ou menos maduro é o ciclo de danza fitness para persoas adultas, que se desenvolverá os martes e xoves entre as 10.30 e as 11.30h. na Casa da Cultura. Por outra banda, a entidade tamén vai organizar un obradoiro de debuxo e pintura para rapazada que se desenvolverá os sábados pola mañá e mesmo contemplan a posibilidade de ampliar esa formación a persoas adultas.

Para saber máis sobre toda esta oferta, os horarios, prezos e xeitos de inscribirse pódese contactar coa entidade a través do correo electrónico briodanza09@gmail.com, ou ben utilizando o messenger do seu Facebook.

Share.