A “Arte Ambulante” recala en San Sadurniño cunha exposición e dous obradoiros gratuítos

0
A asociación profesional de artistas de Galicia A Colectiva preparou un interesantísimo proxecto que pretende achegar as distintas expresións da arte contemporánea galega aos entornos rurais, como é o caso de San Sadurniño. O título da iniciativa é “Arte Ambulante” e comeza este mesmo sábado ás 19.00h. coa inauguración dunha exposición multidisciplinar que poderá visitarse na Galería da Casa do Concello até o 15 de decembro nos horarios habituais de apertura das oficinas municipais. En paralelo, o grupo artístico tamén oferta dous obradoiros de creación -un centrado na composición de collages e outro na relación entre a roupa e a memoria- que xa teñen aberto o prazo de inscrición pasando pola Casa da Cultura, enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou ben chamando ao 616 332 919. O ciclo  conta con apoio da Deputación da Coruña. 
A mostra que se inaugura este sábado ás sete da tarde está composta por pezas pictóricas, audiovisuais, fotográficas, escultóricas e de outras que combinan distintas disciplinas artísticas, co obxectivo de representar a creación galega máis innovadora e compartir tanto a súa visión como as súas técnicas en zonas que habitualmente quedan fóra dos circuítos expositivos das grandes cidades. Do comisariado  encárganse Sara Donoso, Gonzalo E. Veloso, Enrique Lista e Jorge Couceiro.
Na parte de pintura poderemos ver dúas obras de Héctor Francesch e María Meijide; a escultura reflectirase coas achegas de Pablo Barreiro e Laura Piñeiro; a parte centrada na videocreación e a ambientación de espazos será cousa de Juan Lesta, José Suárez, Dio3stu e Edu Fernández; a fotografía terá presenza da man de Melania Freire e Tono Mejuto e, por último, a instalación combinada de artes contará cunha peza preparada polas irmás Lara e Noa Castro -estudantes de Belas Artes e participantes en dúas edicións do Chanfaina Lab- e pola artista visual e fotógrafa Mónica Mura.
A proposta “Arte Ambulante”, que permanecerá na galería municipal até o 15 de decembro, estará aberta ao público de luns a venres en horario de mañá e, ademais, tamén contará con dúas visitas guiadas polos propios creadores e creadoras en quendas aínda por determinar. A práctica totalidade das autoras e autores asistirán á inauguración, momento en que se fará a primeira aproximación ao contido da parte expositiva do proxecto.
A colección de pezas forma parte dun proxecto de democratización e coñecemento da arte impulsado pola asociación profesional de artistas “A Colectiva”, integrada por nomes xa consagrados do panorama galego e por valores emerxentes. Ademais da exposición na Casa do Concello, a entidade impartirá dous obradoiros gratuítos durante as próximas semanas cos que se pretende que a veciñanza entre en contacto tanto co  imaxinario dos e das artistas como coa aprendizaxe das técnicas que lles permiten representalo.
Así, Héctor Francesch dirixirá durante dous días o obradoiro de collage “San Sadurniño on fire! para o que se ofertan 12 prazas. Será o venres 29 de 16.30 a 19.30h. na Casa da Xuventude e, tamén no mesmo espazo, o sábado 30 de novembro entre as 10.30 e as 13.30h. O artista proporá traballar sobre fotografías e estampas de edificios e lugares coñecidos de San Sadurniño -recoméndase traer imaxes impresas con este contido, non importa a calidade, ou incluso revistas vellas- e, a partir delas, montaranse recurtando e pegando novas escenas singulares, atrevidas e imposibles.
O seguinte taller terá lugar na Casa da Xuventude o sábado 21 e o domingo 22 de decembro de 16 a 19.00h. co título “O tecido da memoria”. Da dirección encargarase a artista e deseñadora de moda Melania Freire. O taller está concibido para público feminino -anque nel tamén poden participar homes- ata completar o cupo de 15 prazas ofertadas.  Tomando como referencia unha prenda de roupa que teña certo simbolismo para quen participe -unha peza, un pano, unha vestidura que se garda con certo agarimo- desenvolverase a idea de xuntar en fotografías con estética de bodegón a persoas e roupa, entendendo estas últimas como continentes da memoria.
“A Colectiva” dispón de alomenos outros catro obradoiros artísticos relacionados co proxecto itinerante “Arte Ambulante”, concretamente un ao redor da fotografía analóxica en grande formato, outro sobre contidos en youtube, un centrado na pintura de espazos íntimos e, o cuarto, no que se xuntan a creación e mailo empoderamento feminino. Estoutras posibilidades que forman parte do seu catálogo poderían desenvolverse máis adiante en San Sadurniño, aínda que de momento non hai nada pechado.
En calquera caso, a idea do colectivo artístico non é chegar, expoñer e marchar, senón alcanzar unha relación permanente e sostida co tecido social do territorio. Tal e como se indica no dossier de presentación do proxecto, “Arte Ambulante busca ademais xerar unha dinámica de colaboración entre profesionais da Arte Contemporánea galega e os artistas, asociacións, colectivos e recursos culturais do concello participante, mantendo no tempo esta relación e asentando deste xeito un novo circuíto”. A entidade considera que a arte contemporánea “é un dos recursos máis axeitados para comprender o mundo que estamos a vivir e para recoñecernos dentro del, un recurso que debería ser accesible dende calquera recuncho da nosa xeografía”.
Para participar nas actividades propostas para novembro e decembro, que son gratuítas, é necesario inscribirse previamente pasando pola Casa da Cultura ou contactando co técnico municipal no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
Share.