A área de Servizos e Medio Ambiente reparará a presa da Pernuda

0

O Concello encargou recentemente o deseño dun proxecto construtivo para reformar a presa do río Aceiteiro á altura da estación de bombeo da Pernuda, un dos puntos de captación de auga para a subministración pública de San Sadurniño. As obras consistirán no reforzo da barreira acuática e na modificación da súa estrutura cunha canle para o paso de peixes. A ficha dos traballos calcula un prezo próximo aos 4.400 euros ive incluído. A área de Servizos e Medio Ambiente ten pedidos xa varios orzamentos e, en base ás ofertas recibidas, agarda poder contratar a obra dentro duns días.

O núcleo urbano de San Sadurniño e boa parte dos lugares desta parroquia abastécense de auga tratada na potabilizadora da Agra de Arriba. Unha planta que, á súa vez, se nutre de auga procedente de tres puntos: dun manancial en Portolamas, doutro situado no Albeiro e, o terceiro, dunha captación existente na Pernuda.

Tanto o do Albeiro como o de Portolamas achegan auga por gravedade, mentres que o da Pernuda faino mediante un sistema de bombeo instalado á beira do rego do Aceiteiro. Para garantir un caudal constante nun río que sofre fortes variacións estacionais, o Concello construiu no seu día unha pequena presa -ten 5 metros de longo por 70 cm de alto- que tras máis de dúas décadas e varias reparacións puntuais pide xa un amaño completo.

O principal problema que presenta son as filtracións. O formigón aguantou ben o paso do tempo, pero non así a base sobre a que se asenta a cimentación. A auga traballa paseniña pero constantemente e conseguiu socavar a estrutura. Resultado: o regato escapa pouco a pouco por debaixo da barreira e fai descender o nivel ata tal punto que a bomba da ETAP -situada a uns 20 metros- queda sen auga abonda e acaba descebándose. Ademais, e aínda que hai un sistema de protección para esa eventualidade, se a bomba picase en baleiro podería chegar a queimarse.

A solución pasa por refacer completamente a presa, que seguirá tendo practicamente o mesmo largo e o mesmo alto, só que irá mellor ancorada ao leito do río para evitar que no futuro volva haber filtracións pola súa parte inferior.

A obra ha de facerse en seco, polo que será necesario desviar a auga do rego mentres duren os traballos e despois, cando finalice, volvelo todo ao seu estado orixinal, tal e como indica o estudo ambiental do proxecto. Neste sentido, o deseño inclúe ademais a construción dunha rampa de paso para a fauna acuática. A escala irá situada na parte central da presa, onde hoxe está o rebaixe por onde reborda a auga, e levará unha especie de tabiques enfrontados que minoren a forza da corrente e que lles sirvan ás troitas e outros peixes como parapetos de descanso no seu ascenso.

Todo o proxecto está cuantificado en 4.382,77€, ive incluído. Trátase dunha contía que entra nos supostos dos contratos menores, que non requiren longos procesos de licitación. Coa documentación técnica na man, a área de Servizos e Medio Ambiente solicitou orzamentos a distintas empresas, polo que agarda poder adxudicar o contrato nos próximos días e que os traballos reflectidos no proxecto poidan estar listos antes do remate do verán.

Share.