San Sadurniño recibe financiamento para redactar o seu plan de acción municipal contra o cambio climático

0

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático confirmoulle ao Concello hai uns días  a concesión dunha axuda próxima aos 4.000 euros para a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, no que se definirán todas as actuacións municipais a medio prazo para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. A redacción do documento é o primeiro paso para darlle cumprimento ás medidas recollidas no Pacto europeo das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, ao que San Sadurniño se adheriu o pasado mes de xuño. En relación co ambiente, o Concello tamén lle solicitou recentemente á Consellaría de Medio Ambiente  32 novos colectores para a recollida selectiva de papel e cartón e de envases. Tal e como se indica na petición, o obxectivo municipal é “ampliar os puntos de recollida e aumentar a recuperación” deste tipo de residuos. 

Foi no pleno do pasado 12 de xuño cando o Concello de San Sadurniño aprobou por unanimidade adherirse ao Pacto europeo das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, lanzado hai máis dunha década pola Unión Europea co propósito de implicar ás entidades locais no cumprimento dos obxectivos da UE en materia de clima e enerxía.

Trátase dunha declaración na que se adquire o compromiso de levar a cabo unha folla de ruta común a todas as administracións co obxectivo de frear o cambio climático co horizonte do ano 2050. O pacto marca retos de carácter ambiental que permitan conter o quecemento global nun máximo de 2 graos centígrados por riba dos que se rexistraban na época preindustrial.

Un dos desafíos establecidos é o de que os municipios sexan capaces de reducir nun 40% as súas emisións de CO² e doutros gases de efecto invernadoiro antes do remate desta mesma década. Os concellos adheridos ao pacto tamén se comprometen a aumentar a súa capacidade de resistencia e adaptación ao cambio climático e, ademais, deben compartir experiencias, coñecementos e resultados.

Pero para logralo fai falla contar cunha guía metodolóxica que analice os puntos fortes e débiles e que propoña o camiño que se deberá seguir. A Xunta de Galicia sacou a mediados de maio unha liña de axudas para redactar eses plans dando un mes de prazo para solicitalas. San Sadurniño aprobou poucos días despois por medio dunha resolución da alcaldía a súa adhesión ao Pacto e maila solicitude de axudas, que despois debeu ser ratificada polo pleno.

A concesión da axuda para elaborar o plan coñeceuse este luns cunha notificación remitida pola Xunta informando da posta a dispoisición do Concello dun total de 3.993 euros, así como do recordatorio de que o documento deberá estar redactado antes do 30 de novembro deste mesmo ano.

Solicitude de colectores
Unha das vías para a redución de gases de efecto invernadoiro que  se sinalarán no plan ha estar referida, case con total seguridade, á xestión dos residuos sólidos urbanos. Canto máis se reduza, se reutilice e se recicle, menos enerxía se necesitará no tratamento dos refugallos e, polo tanto, menos emisións prexudiciais á atmosfera.

San Sadurniño xa traballa nesa liña fomentando a compostaxe -en breve iniciarase un novo programa-, empregando un furgón máis pequeno que o camión compactador  para a recollida do lixo en varias zonas do territorio -estase mirando un novo vehículo para o porta a porta- e ofrecendo un servizo de retirada de voluminosos e plásticos agrícolas, ademais de ter conveniado con Narón o uso do seu Punto Limpo.

Porén, ademais destas accións, tamén se está ampliando ano a ano o parque de colectores coa finalidade de ir repoñendo os que se danan polo uso e de adaptarse ás necesidades de cada zona. Neste sentido, o Concello tamén lle solicitou á Consellaría de Medio Ambiente a achega de 32 depósitos para envases e para papel/cartón, dentro do Convenio Marco suscrito entre a Xunta de Galicia e Ecoembalajes España ao que San Sadurniño tamén se adheriu. Na comunicación especifícase a necesidade de dispor de 25 contedores amarelos de 800 litros de capacidade e de 7 unidades máis para papel -os depósitos metálicos de cor azul- cun volume de almacenaxe de 3 metros cúbicos.

 

Axudas Pacto dos Alcaldes 2020-Xust. Cartel

Share.