A Aldea de Verán marcha ata o ano

0

Se onte foi día de despedidas na piscina municipal, hoxe foino na Aldea de Verán, o programa de lecer socioeducativo organizado polo Concello para as vacacións da rapazada de entre 3 e 12 anos. Tiveron unha xornada de actividades un tanto diferente, na que houbo tempo para xogar, merendar ao aire libre, música ao vivo e mostrar unha chea de cousas aprendidas durante os últimos dous meses, nos que traballaron principalmente sobre a empatía e as emocións.

E para iso, para ensinar todo o que fixeron, montaron unha impresionante exposición de manualidades no recibidor da Casa da Cultura, todas elas relacionadas co fío condutor da Aldea -as emocións- así como coa natureza, a relaxación e a percepción do contorno a través dos sentidos: a vista, o olfato, o tacto, o oído… representados con figuras modeladas polos nenos e nenas, debuxos de cores rechamantes e incluso perfumes elaborados con plantas e flores.

Na Aldea de Verán cubríronse este ano un total de 78 prazas, 45 na quenda de xullo e 33 na de agosto. A rapazada de agosto estaba practicamente toda e tamén veu algunha do mes pasado. A media mañá proxectóuselles unha película e despois saíron á praza do antigo Concello para merendar e xogar antes da recta final desta xornada de despedida.

De volta na Casa da Cultura reanudouse a actividade con algúns papás e mamás como público dun espectáculo que arrancou cunha peza interpretada ao piano por Sol de Lera, que con tan só 11 anos e dous de práctica xa apunta maneiras de intérprete virtuosa nun instrumento  tan difícil.

Trala música, grandes e pequenos participaron nun exercicio de “sound painting“, que é algo parecido a dirixir unha orquestra. Neste caso foron varios nenos quen se turnaron para subir ao escenario e ordenarlle  con xestos a todos e todas as do patio de butacas que sons debían facer, en que momentos e con que intensidade.

Por último, toda a cativería representou  “O monstro de cores” nunha versión preparada coa axuda das monitoras. Conta a historia dun monstro “que ten algo de lío recoñecendo as súas emocións”, tal e como explicou na introdución a coordinadora da Aldea de Verán, Raquel Veiga.

Para a posta en escena os nenos e nenas prenderon un libreto moi sinxelo no que a maior parte do elenco actuou en grupos de cores representando as distintas emocións, mentres un deles representaba ao monstro e outros dous ían relatando a historia escrita e ilustrada por Anna Llenas.

Apertura do prazo de inscrición nos “Espazos das familias”
En relación coa educación infantil, desde a área de Igualdade tamén se lembra que entre o 1 e o 15 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición no programa “Espazos das familias”, dirixido a familias con crianzas de entre 0 e 3 anos.

Trátase dun proxecto que herda o cometido do desaparecido Preescolar na casa e nel reflexiónase sobre a educación infantil con asesoramento especializado e co intercambio experiencias entre as familias participantes. O obxectivo principal de Espazos… é  apoiar aos pais e nais nunha etapa en que a rapazada empeza a descubrir o mundo e na que se empeza a formar a que será  a súa personalidade futura.

Por outra banda tamén se pretende que as mamás e os papás aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o núcleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable e igualitaria.

A actividade arrancará o 4 de outubro ás 17.00h. cunha xuntanza na Casa da Cultura na que se falará do contido temático desta edición e, de ser o caso, da formación dos grupos de mañá e tarde.

As inscricións deben facerse directamente nas oficinas de Servizos Sociais do Concello (Programa de Educación Familiar) e para obter máis  información pódese chamar ao 981 490 027 Ext.1

Ficha de inscrición nos “Espazos das familias”

Share.