A Aldea de Verán e os cursos da piscina clausuran dous meses de actividade

0

Día de despedidas na Casa da Cultura e na área recreativa dos Currás, sedes respectivamente do programa de conciliación Aldea de Verán e das actividades acuáticas para a rapazada organizadas polo Concello. Case á mesma hora desenvolvéronse nestes dous sitios festas de fin de temporada nas que participaron preto de 70 nenas e nenos. Festas marcadas polos xogos e, en ambos casos, por uns petiscos que lle puxeron o ramo a dous meses de convivencia. Máis que un adeus, o día de hoxe foi para a maioría un ata logo, xa que case todas e todos volverán atoparse dentro de pouco na rutina diaria da escola.

A Aldea de Verán trastocou a súa programación por tratarse do último día de campamento. Desde primeira hora a cativería e mailas monitoras e monitores traballaron duro preparando unha pequena mostra representativa de todos cantos xogos e manualidades fixeron ao longo do verán. No recibidor da Casa da Cultura dispuxéronse xoguetes elaborados con material de refugallo, debuxos, paneis e collages cos que ensinarlles aos papás e mamás que virían máis tarde que cousas se aprenderon seguindo o fío condutor dos contos, eixo principal da presente edición do programa socioeducativo e de lecer.

Ademais, con motivo desta xornada tan especial, a Aldea recibiu a visita de dúas representantes da agrupación da Cruz Vermella da Coruña para contarlles a historia “O corazón de Lolo”, un relato infantil protagonizado por un parrulo que vive cunha familia distinta da súa, trasunto do programa de acollemento infantil que ten en marcha a entidade. Porén, esta non foi a única parte escénica da mañá, xa que os nenos e nenas tamén prepararon unha marabillosa obra de teatro coa que agasallar ás familias antes de pechar o campamento.

IMG_9848

Representantes da Cruz Vermella contaron a historia “O corazón de Lolo”

Entrementres, na piscina outros arredor de 40 cativos e cativas desfrutaban da auga e dunha boa temperatura subindo e baixando dun grande castelo inchable instalado co gallo deste día tan especial. A piscina aínda seguirá aberta ata mediados de setembro, pero hoxe remataron os cursos de iniciación e perfeccionamento natatorio.

A troula acuática durou até as 12.30h., momento en que a xente miúda xa tiña agardando fóra unha variada e abundante merenda-case-xantar que, ao seu remate, lle deu paso á entrega de diplomas e agasallos.

 

Share.