Fran Bermúdez volve mirar ao microcosmos da Lobeira

0

O Chanfaina ‘Lab deste ano conta cun bo mostrario de documentalismo en estado puro e, curiosamente, case en todos os casos obra de realizadoras e realizadores da casa, como as mozas da canle Teño unha horta en San Sadurniño, Abel Vega ou o autor protagonista da última estrea virtual, Fran Bermúdez. Este realizador da Lobeira -Santa Mariña do Monte- afástase da introspección mostrada en anteriores chanfainas para achegarse ás vivencias de Luís, un dos seus veciños. “O inxerto, a bicicleta e o helicóptero” -así se titula a súa peza- é un compendio oral e visual da personalidade do ancián, condensada nos tres elementos que lle dán nome á curta e que só se comprenden a medida que a narración vai evolucionando. Bermúdez pon a súa cámara a gravar e deixa que Luis fale, salpicando a conversa con pequenas pinceladas que nos describen o seu entorno… pero tamén unha longa vida de traballos, adversidades e moito mundo que el segue afrontando con humor. A ficha publicada en Fálame de San Sadurniño, escrita por Manolo González, sintetiza tanto a traxectoria do autor como a sinopse da curta:

Nado en Ferrol en 1978, Francisco Bermúdez é músico esporádico, debuxante afeccionado de cómics, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu soño, pois –tras 2.000 días de mar- visitou 40 países e 86 cidades. Casou e foi  vivir ao lugar d’A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia na parroquia de Monte: “Vivo na Lobeira”. Dende hai un tempo, Fran decidiu gravar en vídeo experiencias cotiáns, ideas e sensacións. Boa proba da súa teima cinéfila foron as súas pezas realizadas nas anteriores Chanfaina ‘Lab “Quixera” e “Sentimentos”. No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum onde traballa no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN; aínda que moi cedo comezou a manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexenta e atende a “Embaixada da Lobeira nos Países Baixos”. Na súa videobitácora A Lobeira Today podemos seguir de preto a súa incesante actividade.

Nesta ocasión, o espírito inquedo e prochanfaineiro deste “lobeirés venidero” levouno ata a paisaxe humana da súa aldea, escollendo un dos seus 15 veciños, Luís Vergara, (A Lobeira,1936), viúvo de Delfina Pita Muíños, sen parte dunha perna por un accidente na canteira da Mourela de Neda, cun fillo morto hai dous anos e que andivo emigrado en Suiza como albanel ou en París nunha cadea de montaxe da Citroen.

Fran non pode agochar a súa admiración por “Luís da Lobeira”: “Luís recórdame o que me está a pasar a min mesmo como emigrante. Foi un home capaz de vivir e traballar na Suiza e Francia sen falar o idioma e que ademais tivo unha vida moi dura e difícil. De primeiras, sairíame unha historia moi triste. Mais apeteceume contar unha historia alegre, amosando outros aspectos do personaxe. Por iso, da longa gravación que lle fixen na cociña da casa, onde me contou toda a súa vida, seleccionei tres anécdotas divertidas e ledas”

En “O inxerto, a bicicleta e o helicóptero” Fran focaliza o relato nun home que está afeito a ver todos os días e que xa forma parte da paisaxe da Lobeira. O filme vai na procura do protagonista e o seu entorno, mais tamén da experiencia interior do propio cineasta. Partimos de escenas rutinarias e cotiáns que se repiten día tras día -como a chegada do pan e o almorzo- para achegármonos ata tres historias que a bonhomía de Fran considera reveladoras: o home que o sabe todo sobre os enxertos mais nunca enxertou, unha aventura coas bicicletas e a visita dun helicóptero ás terras da Lobeira.

O obxectivo amable de Fran procura que a veciñanza da Lobeira mire con agarimo e curiosidade ao seu veciño: “Non conto a historia de emigración e vida dura de Luís, senón algo así como ‘riamos con Luís e non iamos de Luís ‘. Coñecer a parte máis descoñecida deste veciño d’A Lobeira e poñelo en valor”.

A Chanfaina Lab e a veciñanza da Lobeira seguen a agardar máis filmes de Fran Bermúdez nas vindeiras edicións desta experiencia colectiva que procura implicar a veciños e veciñas de San Sadurniño na creación audiovisual e na creación de comunidade.

Share.