21 criaturas comezan curso na Escola Infantil Municipal A Rolada

0

Arranque de setembro e hora de ir volvendo á normalidade. O colexio comeza a semana que vén, pero na Escola Infantil Municipal A Rolada xa están co novo curso. Esta temporada haberá 21 nenos e nenas que durante estes días están adaptándose ás instalacións e ás mestras. Iso si, pouco a pouco e coa presenza de papás e mamás que irá baixando paulatinamente nos próximos días. Esta mañá foi o primeiro encontro da rapazada coa escola e, sorprendentemente, non houbo choros. Todo foi correr, xogar cos trebellos das aulas e do xardín, explorar o espazo, brincar cos novos compañeiros e compañeiras e, de vez en cando, mirar polo rabo do ollo a ver se mamá e/ou papá estaban onde se supuña que debían estar.

O inicio do novo curso na EIM A Rolada lévase preparando varias semanas. Nos últimos días houbo xuntanzas conxuntas coas familias para explicar o proxecto educativo e como se vai desenvolver a atención á cativería nos próximos meses, pero tamén reunións individualizadas coas responsables de cada unidade de cara a facilitarlle información detallada sobre cada neno ou nena, como por exemplo a referida ao seu desenvolvemento psicomotriz e cognitivo, o grao de autonomía, se falan ou non aínda, se son nenos e nenas con facilidade para socializar, os seus gustos… e calquera outro dato que axude a coñecer de antemán a criatura e ofrecerlle unha atención o máis personalizada posible.

Esta mañá comezou o periodo de adaptación á escola. Para que a cousa vaia pouco a pouco e sen que a rapazada note o cambio importante -e ás veces duro para ela- que lle vén aí, marcouse unha asistencia grupal entre as 10 e as 12 horas. Un primeiro día de escola que serve para que os pequenos e pequenas empecen a descubrir o centro e tamén para que os papás e mamás vexan como se desenvolven rodeados de lugares e caras novas.

A partir de mañá xoves a adaptación continuará, aínda que xa nas aulas que corresponden para cada idade. As familias compartirán coas crianzas este periodo que, porén, non é indefinido. Do luns en diante a estadía dos nenos e nenas irá aumentando pouco a pouco e, ao mesmo tempo, irá baixando a presenza familiar. Neste proceso non hai nada escrito, senón que todo vai depender de como vaian asimilando as crianzas a nova situación.

Aínda así tampouco é algo indefinido e estímase que despois de dúas semanas -sobre o luns 19- os menores poderán asistir ao centro nas xornadas solicitadas, o que non quita que -aí si- se produza algún choro que, case sempre, queda esquecido aos poucos minutos de por o mandilón e encontrarse co resto de compañeiros e compañeiras. Ese mesmo día iniciarase o servizo de comedor para prazas de reserva -nenos e nenas que xa estiveron o ano pasado na escola e que, polo tanto, xa teñen costume de comer alí- mentres que para as novas incorporacións o comedor comezará o luns 3 de outubro.

Para este curso rexistráronse un total de 21 matrículas, 10 na unidade de un a dous anos e 11 na de dous a tres. Neste sentido o centro aínda dispón de 8 vacantes na unidade de 0-1 ano, 3 na de un a dous e 6 na de 2-3 anos, que as familias poden solicitar en calquera momento.

Share.