2.611 persoas poderán votar en San Sadurniño este domingo

0

San Sadurniño, igual que o resto do Estado, vivirá este domingo as segundas eleccións xerais en seis meses. Unha cita coas urnas á que poderán acudir un total de 2.611 persoas, 38 menos que na anterior convocatoria. As mesas constituiranse a primeira hora da mañá e abrirán ás 9.00h. Volverá haber 7, unha por parroquia, co matiz de que a de Igrexafeita será a urna de referenza para parte do eleitorado de Naraío e Ferreira.

Desde a última vez que nos chamaron para votar, en decembro pasado, en San Sadurniño podiamos exercer este dereito un total de 2.649 persoas. O domingo seremos 38 menos, xa que o censo descendeu nos últimos meses ata as 2.611. A baixa é proporcional en case todas as mesas agás nunha, a de Ferreira, que é a única que incrementou censo ganando 3 persoas. Máis en detalle, esta é a distribución censual:

  • San Sadurniño: 743
  • Naraío: 450
  • Lamas: 406
  • Santa Mariña: 294
  • Ferreira: 251
  • Bardaos: 237
  • Igrexafeita: 230

As mesas continúan no mesmo sitio: unha no colexio público de San Sadurniño, unha en Bardaos -no local social-, outra en Santa Mariña -tamén no local veciñal-, a do local social de Lamas, a da parroquia de Ferreira, que estará situada no local da Seara, a de Naraío ao pé do campo de fútbol e a de Igrexafeita no local da asociación de veciños.

Para garantir que ningunha parroquia perdese a súa mesa por causas demográficas, o Concello propuxo antes dos últimos comicios europeos unha redistribución do electorado que lle afectou a Naraío e Ferreira.  Así, os veciños e veciñas da Fraga que ata daquela votaban en Ferreira acoden agora á mesa de Igrexafeita. No caso de Naraío, as persoas censadas nas Cancelas, A Fraguela, As Nabeiras, Vilarxá e a Penavidreira tamén levan varios comicios acudindo votar ao local social de Igrexafeita.

Share.