166 motociclistas tomarán parte este sábado no I Enduro de San Sadurniño

0

Esta fin de semana da Feira da plantación promete ser unha das máis intensas do ano en San Sadurniño. E é que ademais dese grande evento -que cadra con xornada electoral- e de todas as actividades paralelas que se programaron arredor del, o noso concello tamén acollerá este sábado o I Enduro San Sadurniño, puntuable para a Liga Galega de Moto de Campo. Trátase dunha competición non oficial semellante a un rally onde se mestura un percorrido regularidade con probas especiais en circuíto pechado nas que se require habilidade, destreza e velocidade sobre a moto. Agárdase a asistencia de 166 motociclistas e tamén de centos de persoas, posto que é unha disciplina ben espectacular pola que cada vez hai máis afección.

O I Enduro de San Sadurniño comezará ás 12.00h. coas verificacións dos equipos participantes. O paddock estará situado na explanada do Grupo Pena, na Bidueda, e alí permanecerán as monturas ata que comece a primeira proba, fixada para as 15.00h. A esa hora as motos encararán a  primeira especial cronometrada -situada nun monte entre Intasa a zona do Chao, en Naraío- á que o público poderá acceder a pé desde o lugar da Penamoura. .

Ao remate da primeira proba cronometrada farán outro enlace até un segundo circuíto cheo de obstáculos disposto nas estruturas de formigón abandonadas que hai fronte a Metalfra. Pero a cousa non remata aí, xa que despois deberán volver repetir todo o itinerario de enlaces e especiais cronometradas. Na categoría amadora terán que facelo dúas veces e na profesional dúas e media, con intervalos para revisar a maquinaria, repostar e repoñer forzas.

Sendo así, o enduro -que deriva da palabra inglesa “resistencia”- rematará sobre as 20 ou 20.30h. A entrega de trofeos está prevista para as 21.00h. no parque pechado -nas naves de Pena-, onde a organización tamén contará con zona de bar e de comida para participantes, acompañantes e público en xeral.

As inscricións estiveron abertas ata este venres a través da web www.ligadamoto.com, cun custe de 65€ por participante que inclúe o seguro de accidentes. Ningún dos inscritos ten por que estar federado,  pero si é obrigatorio dispor de todos os papeis da moto en regra -itv, seguro, permiso de circulación…-, carné para conducila e levar a equipación axeitada para a competición: casco, luvas, mono, botas, etc.

A Asociación Moto de Campo de Galicia -organizadora do evento- tamén habilitará unha ampla zona de aparcamento. No evento, o penúltimo da temporada da Liga Galega de Moto de Campo, colaboran o club Biela e Chaveta e o Concello, ademais de numerosas firmas comerciais.

Mapa de situación do paddock e das dúas especiais

Share.