15 de setembro: último día de solicitude de voto por correo

0

As persoas  que queiran votar nas eleccións do próximo 25 de setembro e que por calquera circunstancia non poidan facelo presencialmente na urna, teñen a opción de exercer o seu dereito por correo. Porén, deben saber que o prazo para solicitalo remata este xoves día 15. O trámite pode facerse en calquera oficina de Correos.

Reflectimos a continuación a información dispoñible dentro da web oficial das eleccións ao Parlamento de Galicia.

O procedemento que hai que seguir é o seguinte: os electores e electoras que prevexan que na data da votación non se atoparán na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito de voto, ou que non poidan comparecer, poden emitir o seu voto por correo, así como solicitude á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, cos requisitos seguintes:

  • O elector ou electora solicitará da correspondente Delegación, a partir da data da convocatoria e até o décimo día anterior á votación (desde o 2 de agosto e até o 15 de setembro), un certificado de inscrición no censo. A dita solicitude formularase ante calquera oficina do Servizo de Correos.
  • A solicitude deberase formular persoalmente. O funcionario de Correos encargado de recibila esixirá ao interesado a exhibición do seu documento nacional de identidade e comprobará a coincidencia da firma. En ningún caso se admitirá para estes efectos fotocopia do documento nacional de identidade.
  • En caso de enfermidade ou incapacidade que impida a formulación persoal da solicitude, cuxa existencia deberá acreditarse por medio de certificación médica oficial e gratuíta, aquela poderá ser efectuada en nome do elector por outra persoa autorizada notarial ou no consulado mediante documento que se estenderá individualmente en relación con cada elector e sen que neste poida incluírse varios electores, nin unha mesma persoa representar máis dun elector. A Xunta Electoral comprobará, en cada caso, a concorrencia das circunstancias á que se refire este apartado.

Os servizos de Correos remitirán no prazo de tres días toda a documentación presentada ante estes á Oficina do Censo Electoral correspondente.

Recibida a solicitude á que fai referencia o artigo anterior, a Delegación Provincial comprobará a inscrición, realizará a anotación correspondente no censo, co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente, e estenderá o certificado solicitado.

A Oficina do Censo Electoral remitirá por correo certificado ao elector, a partir do trixésimo cuarto día posterior á convocatoria e antes do sexto día anterior á da votación (neste caso, entre o 5 de setembro e o 18 de setembro), ao domicilio por el indicado ou, na súa falta, a que figure no censo, as papeletas e os sobres electorais, xunto co certificado mencionado no parágrafo anterior, e un sobre no que figurará o enderezo da mesa onde lle corresponda votar. Cos anteriores documentos incluirase unha folla explicativa.

O aviso de recibo acreditativo da recepción da documentación á que alude o parágrafo anterior deberá ser asinado persoalmente polo interesado, previa acreditación da súa identidade. En caso de non atoparse no seu domicilio, comunicaráselle que deberá comparecer por si ou a través de persoa autorizada notarial ou no consulado, na Oficina de Correos correspondente para, despois da acreditación, recibir a documentación para o voto por correo, cuxo contido se fará constar expresamente no aviso.

Unha vez que o elector escolla a papeleta de voto, introduciraa no sobre de votación e pecharao.

Incluirá o sobre ou os sobres de votación e o certificado no sobre dirixido á mesa e remitirao por correo certificado en todo caso antes do terceiro día previo ao da celebración das eleccións (neste caso, entre o 5 de setembro e o 21 de setembro). Este sobre non necesita franqueo.

O Servizo de Correos conservará até o día da votación toda a correspondencia dirixida ás mesas electorais e trasladará ás devanditas mesas ás nove da mañá. Así mesmo, seguirá dando traslado de que poida recibirse no devandito día, até as vinte horas deste.

O Servizo de Correos levará un rexistro de toda a documentación recibida, que estará a disposición das Xuntas Electorais. Os sobres recibidos despois das vinte horas do día fixado para a votación remitiranse á xunta electoral de zona.

Teña en conta que unha vez enviada a solicitude de voto por correo, xa non poderán votar persoalmente ante a mesa electoral.

Na web da Xunta atópase tamén toda a información sobre o procedemento de votación para persoas que residan no estranxeiro e para aquelas que estean fóra temporalmente:

Votación de residentes permanentes no estranxeiro (CERA)
Votación de residentes temporais no estranxeiro

Share.