135 “saltas” iluminarán a celebración do solsticio en San Sadurniño

0

O Concello recollera até o mediodía de hoxe un total de 135 comunicacións previas para a celebración de fogueiras do San Xoán, coñecidas tamén como “saltas” polo costume de chimpar por enriba do lume para espombar a mala sorte. Na maioría dos casos son lumeiradas domésticas ou, como moito, fogueiras arredor das que se xunta a xente dun mesmo lugar para comer uns liscos ou unhas sardiñas e despois botar unhas parrafadas ao pé do lume, alimentado con ramallada e mobles vellos. Pero tamén hai outras algo máis concorridas convocadas polas entidades veciñais. Temos información completa de tres delas: a organizada por O Castelo de Narahío nesta noite de venres, a da asociación Adiante de Igrexafeita na noite do sábado e a fogueira do San Pedro que armou a xente de ConcienciArte para o venres da semana que vén en Silvalonga. 

A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío organiza unha noite de San Xoán no local social da Veiga presidida polo lume do solsticio, pero tamén polas tradicións e rituais asociados ao cambio de estación. Así, ás 18.30h. haberá un obradoiro de recollida de herbas aromáticas para decorar o local social e facer a auga do San Xoán. A actividade vai dirixida a todas as idades e con ela preténdese dar a coñecer a flora autóctona xunto coas súa propiedades medicinais e os poderes máxicos que lles atribúe a cultura popular.

A entidade puxo para as 21.30h. unha cea a base de empanada, churrasco e sobremesa que irá seguida da actuación musical do Dúo Caramelo e do acendido da salta ás 00.00h. Para a cea foi necesario inscribirse antes do mércores.

En Igrexafeita tamén se reunirán arredor do lume na noite do sábado. O encontro está posto para as 21.00h. no local social da Torre e, antes de plantarlle lume á leña,  comeranse sardiñas ou xurelos -dependerá do prezo- ademais de liscos e chourizos. Neste caso tamén facía falla apuntarse antes de mércores e a cea será gratuíta para persoas socias, mentres que as non socias deberán pagar 5 euros.

As fogueiras de San Xoán -ou do solsticio, como se queira- son unha tradición que aínda goza de boa saúde. Non así a celebración con lume do San Pedro, que perde practicantes a cada ano que pasa. Con todo, aínda quedan.

Unha das entidades do municipio que nos enviou información ao respecto -á conta de correo concellodesansadurnino@gmail.com– foi ConcienciArte (antes ConSuma Conciencia) e nela cóntanos que o venres 30 de xuño van facer o San Pedro na antiga escola de Silvalonga. Ofrecen sardiñas e churrasco a 10€ por persoa e, como entidade que avoga pola colaboración e o traballo en común, piden que cada asistente traia a bebida e algo de sobremesa. Hai que confirmar a asistencia antes do mércores 28 chamando a algún dos seguintes teléfonos:  650 651  436, 619 933 819 ou 649 929 917

Ao día seguinte, sábado 1 de xullo, a entidade tamén organizou un obradoiro de recollida de plantas silvestres para elaborar con elas preparados cos que tratar problemas das hortas sen necesidade de produtos químicos. Terá lugar tamén na antiga escola de Silvalonga entre as 10 e as 13.00h. A inscrición é gratuíta para membros da entidade e terá un custe de 10 euros para as persoas que non  sexan socias. As inscricións poden facerse no 650 651  436.

Algúns consellos de seguridade
Voltando ao tema do San Xoán, non está de máis lembrar nun día coma hoxe algunhas recomendacións que, na súa maioría, son simples recordatorios de sentido común. Esta noite  é para gozar, non para levar sustos sen necesidade. Velaí uns cantos consellos:

  • Amontoar a leña lonxe de árbores e instalacións que se poidan ver afectadas pola calor ou mesmo prender por causa dunha chareta.
  • É preferible facer un lume máis ou menos pequeno e ir alimentándoo aos poucos co material do que fixesemos acopio e que, igual que as construcións, debe estar afastado do lume principal. Desta maneira teremos salta toda a noite e con maior seguridade se é que temos que apagala rapidamente.
  • Ao remate da cacharela o lume debe estar completamente apagado. Por iso é necesario ter unha mangueira con caudal e presión dabondo ou ben calquera outra fonte de auga -corrente ou almacenada- que permita sofocar o lume con garantías de que non queden rescoldos. Ademais, a auga tamén axuda a controlar a altura das lapas se temos moito combustible amontoado. Ollo cos cepos e toradas, poden botar ardendo varios días se non os mollamos ben.
  • Non botedes no lume material contaminante ou perigoso, como pneumáticos, plásticos, aerosoles, etc. Mellor só leña: podallas, madeira podre, palés vellos, etc. QUE NON SE VOS OCORRA PRENDER A SALTA CON GASOLINAS OU DISOLVENTES, os gases poden producir unha explosión e causarvos queimaduras graves. Toda a vida se prendeu lume cunha pina, e o sistema segue funcionando.
  • Á hora de saltar, máxima precaución. Marcade un único sentido para chimpar por riba do lume. É habitual que a xente salte a un xeito e despois a outro. NON, NUNCA!. FACEDE UNHA RODA E ASEGURÁDEVOS DE QUE TODO O MUNDO RESPECTA O SEU TURNO E O SENTIDO EN QUE SE SALTE!!!. Así evitaredes perigosos encontronazos xusto enriba do lume.

 

Share.