Únete ao cambio: produce a túa propia electricidade e aforra na factura da luz

0

As comunidades enerxéticas están ganando cada vez máis protagonismo como unha resposta colectiva ao encarecemento da electricidade (aínda que arestora estea barata) e á necesidade de frear o cambio climático. Estes proxectos permiten ás persoas producir a súa propia enerxía, normalmente a través de fontes renovables como a solar, e compartila dentro dun grupo local. Así, non só se reduce a factura da luz, senón que tamén se impulsa a autosuficiencia enerxética e a sustentabilidade. As comunidades aínda son un movemento incipiente en Galicia, malia que noutros puntos do Estado e do mundo xa levan moito andado e con resultados máis que contrastados en canto a viabilidade técnica e aforros obtidos. Para falar deste modelo, o Concello convidou ao experto na materia Xosé Manuel Golpe Acuña, quen detallará este xoves a partir das 20:30h na Casa da Xuventude os pormenores legales, organizativos e técnicos das comunidades enerxéticas, que funcionan dunha maneira moi parecida a unha cooperativa.  

En esencia, unha comunidade enerxética é unha agrupación de persoas, institucións ou pequenas empresas que deciden investir conxuntamente en instalacións de produción renovable, como paneis solares ou aeroxeradores. Estas instalacións adoitan colocarse en espazos comúns —como tellados de edificios públicos, centros sociais ou terreos comunais— e a enerxía xerada repártese entre os membros da comunidade segundo a súa participación ou consumo. Ademais, existen sistemas tecnolóxicos que permiten monitorizar en tempo real a produción e distribución da enerxía, garantindo unha xestión eficiente e transparente.

Este modelo fomenta tamén a democratización do sistema eléctrico, reducindo a dependencia das grandes compañías e permitindo que os beneficios económicos da produción enerxética queden no propio territorio. A creación dunha comunidade enerxética require certa organización inicial, como a redacción de estatutos, a elección dunha fórmula xurídica axeitada —xeralmente cooperativas ou asociacións sen ánimo de lucro— e a busca de financiamento, que pode vir de fondos europeos, programas autonómicos ou achegas privadas. Unha vez en funcionamento, as comunidades poden mesmo crecer e diversificarse, incorporando sistemas de almacenamento ou novos puntos de xeración.

De todas estas cuestións falará o xoves  Xosé Manuel Golpe Acuña, deputado do BNG no Parlamento de Galicia e experto en proxectos de produción e consumo colectivo de enerxía. Golpe Acuña explicará os aspectos legais e os pasos que se deben dar para poñer en marcha unha destas comunidades, ademais de repasar os seus beneficios económicos e ambientais.

A charla será tamén un espazo para o diálogo, onde as persoas asistentes poderán expoñer as súas dúbidas e recibir orientación directa. A intención do Goberno local con este encontro é “proporcionarlle á veciñanza coñecemento, asesoramento e apoio para chegar a implantar a medio prazo unha ou máis comunidades enerxéticas, que alén de beneficios ambientais tamén traen aparellado un aforro importante no gasto mensual en electricidade”, avanza o alcalde, Secundino García Casal.

Neste sentido, o rexedor e a concelleira de Participación e Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, achegáronse recentemente ao proxecto transfronteirizo Efiduero Energy (que integra territorios de Zamora, Salamanca e Portugal) co obxectivo de coñecer de preto as vantaxes e tamén as dificultades da posta en marcha deste modelo, no que algúns municipios galegos -como é o caso do veciño Moeche- xa están traballando.

Share.