San Sadurniño pecha unha Feira da Plantación que vai ser difícil de superar (ou non)

0

A XXIX Feira da Plantación de San Sadurniño volveu demostrar este domingo na finca da Cortiña que aínda lle queda marxe para seguir medrando. O que o ano pasado parecía difícil de repetir, e máis aínda de superar, converteuse desta volta en realidade cun cento de postos e unha afluencia masiva de público desde primeira hora da mañá. Os sendeiros e zonas de venda estiveron ateigados durante toda a xornada, nun ambiente de constante ir e vir de xente, actividades, música e, sobre todo, de vendas. O éxito foi tal que mesmo se rexistraron longas retencións na AG-64 e na estrada de Ortigueira. O Concello valorou positivamente a xornada, que salvo os problemas de tráfico, se desenvolveu sen incidencias. Unha edición histórica que deixa o listón altísimo para a Feira Rural do mes de agosto e para a edición da Feira da Plantación de 2027, que fará a número trinta.

O bo tempo acompañou e a resposta do público tamén, tanto en número como en ganas de mercar. José Horjales, da Casa da Planta (Lamas), resumía o sentir xeral dos viveiros ao asegurar que “cada ano mellor, cada ano vén máis xente”, destacando ademais que desde o traslado á Cortiña “a feira medra e medra”. No seu posto, como nos outros, houbo saída de todo tipo de flor  para adobiar xardíns, hortas e terrazas tras un longo inverno de auga que espertou a gana de botarse fóra e poñerlle cor a todo.

Tamén Micaela Campanini, de Viveiros Florgalicia e Herbas de Caaveiro, confirmou o ritmo frenético da mañá: ás oito, cando aínda estaban montando “xa había xente comprando”. “Eu non sei canta xente houbo -engade- porque durante toda a mañá non erguín a cabeza do posto, foi esgotador”. No seu caso triunfaron a alfábega, a herba contra os mosquitos e as plantas vivaces “porque duran todo o ano”. Campanini apuntou que a feira está “collendo moita fama”, ata o punto de que moita xente adianta a visita para evitar colapsos… aínda que finalmente tamén se producen a primeiras horas.

En Plantas A Lagoa, que vén desde Vilanova de Arousa, Isabel Fernández reiterou  que esta edición foi incluso mellor que a do pasado ano. Segundo explicou, a mañá resultou “tremenda” e mesmo a tarde, “que sempre  é máis tranquila”, mantivo unha afluencia elevada e boas vendas. Entre o máis solicitado estiveron as variedades de temporada para xardín, “como xeranios, petunias e surfinias”.

Pola súa banda, Luis Sanjurjo, de Froitos e hortalizas de Bardaos, falaba sobre as tres da tarde dunha mañá feira “un pouco tola”, asegurando el tamén que probablemente foi o ano con máis xente. No seu posto destacaron especialmente as vendas de “tomate mar azul, tomate roxo e cebolo, porque a feira cadra coa data ideal para poñer a horta”.

Os postos agroalimentarios tamén viviron unha xornada excelente. Cristóbal Graña, de Queixos Brigantia, confirmou que o incremento de público tamén se traduciu en mellores vendas, ata o punto de estar rematando o queixo fresco e o requeixo. Pablo González, que tamén elabora requeixo (Requeixo das Restrebas) canda a súa compañeira no Val de Xestoso, cualificou o día de “espectacular” polas vendas, pero tamén “polo tempo e o contorno”.

Outro dos espazos de referencia desta XXIX Feira da Plantación eran os dous postos do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, un de degustación e outro para degustacións e venda de produtos que xa están no mercado. Alba Dalama, de Manda Carballo, mostrábase moi satisfeita coa resposta do público “moi receptivo para probar, para mercar…”. Ela leva varias semanas traballando nas instalacións de Moeche no envasado de patés e deshidratados que teñen os cogumelos como ingrediente principal. Ademais tamén sacou unha liña de pratos precociñados -risotto, sopa e o Shiitakekomo-  que funcionaron moi ben na feira. “Só hai que botarlles auga, tapar, esperar seis minutos e xa están listos para comer”, explicaba.

Ao seu carón, Carmen Caínzos, de conservas Ay Carmen! vendeu moito tomate confeitado e tamén moito zume de mazá, ademais de atender -como usuaria veterana da Fusquenlla- “a moitísima xente e con moitas ganas de saber do noso proxecto e dos produtos que temos”.

O posto da Fusquenlla foi un dos máis visitados durante o día, confirmando así que o centro de transformación impulsado por sete concellos da comarca, co apoio da Deputación da Coruña e dos fondos Leader, é unha realidade en marcha que cada vez ofrece máis variedade comercial e esperta máis interese social.

Outro dos puntos concorridos foi o stand do programa A Paisaxe que sabe da Deputación da Coruña. O cociñeiro André Arzúa esgotou todas as localidades nas tres demostracións culinarias que ofreceu ao longo do día. A programación completouse cos tradicionais sorteos de ramos e centros florais, o concerto das Faíscas da Pontraga dentro do programa Dinamizartj e unha exitosa busca dos “segredos da Cortiña” dirixida pola cooperativa Rexenerando como actividade para publico familiar.

No repaso da feira tamén cómpre reseñar o interese do público na exposición de rochas do Xeoparque do Cabo Ortegal. O director científico do territorio UNESCO, o xeólogo Fran Canosa, explicou a singularidade xeolóxica da nosa zona e trouxo á feira unha rocha con restos de crinoideos -un tipo de alga- de hai uns 450 millóns de anos, o único tipo de fósil que se pode atopar no xeoparque.

Desde o Concello, o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, resumiu a xornada cunha palabra: “espectacular”. Segundo indicou, cando aínda eran as sete da tarde seguía chegando xente á Cortiña despois dunha mañá de abarrote total e de vendas moi elevadas, con postos que esgotaron existencias mesmo levando máis produto ca o ano pasado.

Como único “debe” para futuras edicións, Varela apuntou a necesidade de mellorar a xestión do tráfico para absorber unha demanda que este domingo chegou a provocar retencións na AC-862 e na AG-64. Un problema que o público tomou como mal menor e que é resultado, ao cabo, do éxito incontestable desta 29ª Feira da Plantación. O ano que vén o evento celebrará as trinta edicións e, segundo avanzou Manolo Varela, “faremos algo especial”.  Ata daquela falta un ano. E antes, a finais de agosto, temos a Feira Rural, á que hoxe lle quedou o listón moi alto.

Share.