San Sadurniño depositou desde agosto 1,7 toneladas de roupa nos colectores de INS3RTEGA

0

A empresa Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Téxtil de Galicia (INS3RTEGA), subscribiu a principios do pasado verán un convenio co Concello de San Sadurniño para instalar en catro puntos do territorio outros tantos colectores de recollida de roupa e calzado. Os depósitos colocáronse a primeiros de agosto diante da EIM A Rolada, no aparcadoiro da Cooperativa de Meirás en Naraío, ao carón do local social de Igrexafeita e na explanada de Lácteos O Casal, no Camiño Arriba. A empresa acaba de trasladarlle ao Concello o balance dos cinco primeiros meses de funcionamento, durante os que se recolleron un total de 1.740 quilos de prendas destinadas á reutilización -as que se atopaban en bo estado- ou ben á reciclaxe.

Segundo os datos facilitados por INS3RTEGA, os meses de maior acopio de roupa e calzado foron outubro, con 590 quilos, e agosto, con 390, seguido de preto polos 370 quilos recollidos en setembro e, xa a maior distancia, polos 290 de novembro e os 100 de decembro.

A empresa, que ofrece o servizo totalmente de balde para o Concello, apunta que “segundo os datos da Comisión Europea”, a xestión destas algo máis de 1,7 toneladas de prendas “evitou a xeración de 5,51 toneladas de gases de efecto invernadoiro”.

O alcalde, pola súa banda, destacou que a recollida en colectores específicos “evita que a roupa vella vaia parar aos contedores do lixo doméstico, onde non se debe botar”, comenta Secundino García. “Ademais -prosegue o rexedor- o sistema, que era unha iniciativa piloto, parece que funciona e vén darlle solución a un tipo de refugallos que poden ter unha segunda vida por medio da reutilización ou a reciclaxe”.

A reutilización e a reciclaxe son precisamente os dous “R” aos que se dedica INS3RTEGA, a empresa social integrada maioritariamente por persoas con discapacidade que, en colaboración co Concello, instalou en agosto os catro colectores metálicos de recollida de prendas de vestir e roupa do fogar. Catro depósitos que viñeron complementar o colocado por Cáritas ao pé da igrexa de San Sadurniño.

Os depósitos, dunha cor verde rechamante e identificables polo lema “Contigo, San Sadurniño recicla”, están nos seguintes lugares:

  • San Sadurniño (aparcadoiro da escola infantil)
  • Naraío (aparcadoiro da cooperativa)
  • Igrexafeita (local social da Torre)
  • Camiño Arriba (na explanada de Lácteos O Casal)

Neles poden botarse pantalóns, camisas, camisetas, abrigos, calcetíns, zapatos, zapatillas, “tenis”, etc., e téxtil do fogar, como sabas, mantas, manteis, panos… que sempre deben ir en bolsas pechadas para optimizar o espazo e facilitar o baleirado.

INS3RTEGA ocúpase de recoller as prendas regularmente e do seu tratamento posterior, seleccionando e separando aquelas que estean en perfectas condicións para poder reutilizarse tras un esixente proceso de limpeza e preparación previa. Roupa toda ela que se clasifica e que se pon a disposición de entidades sociais e roupeiros xestionados polos Servizos Sociais municipais.

As pezas que polo seu estado xa non poidan volver reutilizarse -arredor do 50% do que se bota nos depósitos, segundo a empresa- destínanse á reciclaxe convertidas en materiais e fibras con múltiples usos posteriores, como novos  tecidos, fíos en bruto, recheos, bolsas e packaging, artigos de agasallo ou téxtil do fogar. INS3RTEGA incluso conta cunha liña de deseño de uniformes para empresas feitos a partir de fibras recicladas e tamén proporciona materia prima para fabricar mobiliario con compostos téxtiles.

No caso de que, puntualmente, os colectores estean ao límite da súa capacidade, pode dárselle aviso á empresa no 634 594 877 (ou tamén a través da app/web municipal Liña Verde). A ese teléfono tamén se pode chamar para recollidas domiciliarias de grandes cantidades de prendas de vestir e roupa do fogar, como por exemplo as motivadas por mudanzas -cando sempre se desbotan moitas pezas- ou pola necesidade de baleirar casas que cambian de mans e que cómpre librar.

Share.