O último pleno ordinario do ano vota a modificación da RPT

0

O pleno ordinario de novembro, adiado para este venres 10 de decembro, levaba só tres puntos para deliberación e acordo da corporación. Os dous primeiros foron case de trámite, votando as actas anteriores -aprobadas por unanimidade- e o nomeamento do alcalde “ou persoa en quen delegue” como representante municipal no Consello Escolar do CPI, que saíu adiante co apoio do BNG e do PSOE e a abstención do PP. Porén, a cuestión que xerou máis debate foi a referida á modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello.

A Relación de Postos de Traballo do Concello é o documento que define a estrutura do persoal municipal e as súas funcións, ademais de tipificar os criterios salariais que, no caso de San Sadurniño, estableceron un valor tipo unitario para todos os postos de traballo no caso do complemento específico. Isto quere dicir que, dependendo da responsabilidade ou penosidade do posto, cadaquén poderá cobrar máis ou menos pero sempre partindo dun valor -o denominado “punto”- que é igual para todo o persoal municipal.

No pleno de setembro de 2020, cando se aprobou inicialmente a RPT, o Grupo de goberno defendeu que o documento fose ratificado por “unha ampla maioría” do persoal e que o seu obxectivo era adaptar a relación de postos  “ás necesidades do Concello” e “corrixir desigualdades” que se viñan producindo na valoración salarial dos distintos postos de traballo.

Porén, o acordo adoptado entre o Concello e a representación do persoal laboral e o funcionariado bateu cun recurso Contencioso-Administrativo interposto polo Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local, de modo que o Concello a deberá  volver valorar ese posto en concreto, mantendo invariable o resto da RPT.

O acordo que se presentou en sesión plenaria -aprobado só cos votos favorables do BNG e a abstención de PP e PSOE- incluiu tamén a actualización de funcións dos postos administrativos da Área de Administración, a modificación das funcións do cargo de oficial de maquinaria -vacante neste momento- e a incorporación da descrición dos postos de Auxiliar de Administración de Servizos Sociais e de peón.  

Outras cuestións
Antes de chegar a este asunto central, o pleno votou a favor de designar ao alcalde ou persoa en quen delegue como representante no Consello Escolar do CPI, que está en fase de renovación. BNG e PSOE estiveron de acordo. O PP abstívose.

Na recta final da sesión houbo un rogo do PSOE en relación con este tema, no sentido de que o posicionamento do Concello sobre a decisión das xornadas lectivas vaia precedido do consenso dos tres grupos municipais.

En canto ás preguntas, Lois Anxo Rodríguez Calvo tamén se interesou polos próximos pasos que cumprirá dar en relación coa candidatura do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. María Belén Trigo Meizoso, polo Partido Popular, preguntou sobre o estado de tramitación da modificación do parque eólico Novo -o que vai de Pedroso a Valdoviño, cuxa autorización depende da Consellaría de Industria- e tamén polo estado da pista que comunica a Penamoura coa Braña. Pola súa banda, o tamén popular José Luis Hermida Prieto preguntou polas razóns de que a vivenda rehabilitada en Bardaos saia a poxa pública en 20.000 euros e non nunha contía maior.

Á gravación íntegra do pleno -vídeo e audio de boa calidade- pode accederse desde esta ligazón.

 

Share.