O realismo luminoso de Katy Martín, ata fin de mes na galería do Concello

0

A galería do primeiro andar da Casa do Concello acolle desde hai uns días unha exposición pictórica da artista ferrolá Catalina Martín Suárez, Katy Martín, formada por unha vintena de obras nas que predominan as paisaxes da comarca. A pintora regresa así a un espazo no que xa expuxera en 2018, desta volta cunha colección que combina algunhas pezas daquela etapa con creacións máis recentes, todas elas dentro dunha liña realista na que a gran protagonista é a luz. A mostra pode visitarse durante todo este mes de agosto de luns a venres no horario de atención ao público das oficinas municipais. En relación coa creación pictórica, desde a área de Cultura lembran que ata o día 31 permanecerá aberto o prazo para presentar obras ao I Premio de Pintura Concello de San Sadurniño.

A exposición ofrece un percorrido por distintos recunchos de Ferrolterra e da costa da comarca, con especial presenza da contorna de Pantín, onde a artista pasa longas tempadas. Xunto ás paisaxes tamén se inclúen algúns retratos e escenas vinculadas á cultura popular, como a rapa das bestas ou figuras de persoas maiores, temas que forman parte do seu universo pictórico. Segundo explica a propia autora, trátase dunha selección de pinturas moi vencelladas ao territorio. “É unha mostra das miñas pinturas da zona de Ferrolterra. A min gústame pintar paisaxe e retratos da xente de aquí. A maioría son paisaxes e hai algún retrato dalgún avó, da rapa das bestas… A maioría son da zona de Pantín, que é onde veraneo, e despois tamén hai obras dos certames de pintura rápida da zona”, comenta.

Katy Martín define a súa pintura como unha expresión de optimismo. As cores intensas e a procura dunha atmosfera luminosa son dous dos trazos que identifican o seu traballo. “Eu diría que o meu estilo é alegre. Gústanme as cores vivas. Defínome como unha pintora que tira ao hiperrealismo, sobre todo no tema dos retratos. Nas paisaxes non tanto, pero intento transmitir alegría e cousas positivas, non me gusta pintar cousas tristes”, asegura.

Esa aposta pola luminosidade é precisamente un dos elementos que dá unidade á exposición. A artista confesa que se detén especialmente nos contrastes, nos reflexos e nos matices da luz, procurando que cada obra transmita a sensación dun momento concreto. “Gústame o contraste. Os morados, os reflexos… intento representar a luz. A maioría das miñas paisaxes son moi luminosas”, explica.

Nada en Ferrol en 1973, Katy Martín compaxina a súa profesión de enfermeira no Sergas coa súa dedicación á pintura, unha afección que comezou na infancia da man do seu pai e que foi desenvolvendo ao longo dos anos ata chegar ao óleo, técnica coa que expresa a súa especial sensibilidade polas paisaxes e o seu anceio de capturar a alma das persoas. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosas exposicións individuais e colectivas por toda a comarca, así como en certames de pintura rápida. Ademais é unha das habituais nas Meninas de Canido e forma parte da directiva da asociación Narón Amigos da Arte (NARART).

Martín xa expuxera en San Sadurniño hai oito anos. Esta nova mostra aberta durante todo agosto na galería do Concello de San Sadurniño é unha nova oportunidade para achegarse ao traballo da artista e ver como evolucionou a súa obra nos últimos anos, sempre a mercede da cor e da luz.

I Premio de Pintura Concello de San Sadurniño
A mostra de Katy Martín coincide co prazo aberto polo Concello para recibir obras aspirantes a facerse co I Premio de Pintura Concello de San Sadurniño, un certame organizado coa colaboración da Sociedade Artística Ferrolana (SAF) para fomentar a creación nas artes plásticas e contribuír á difusión da paisaxe e do patrimonio galego, en especial o do municipio.

A convocatoria está aberta a persoas de calquera idade e admite obras inéditas realizadas en calquera técnica pictórica, sempre dentro da temática da paisaxe, o patrimonio ou a contorna galega.

A documentación das obras pode presentarse na Casa da Cultura ou a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal. Os cadros seleccionados formarán parte dunha exposición colectiva que poderá visitarse tamén na galería do Concello entre os meses de outubro e novembro.

O certame, ao que se pode concorrer ata o 31 de agosto, outorgará dous únicos premios: 900 euros para a obra gañadora e 500 euros para o segunda mellor valorada. As bases completas da convocatoria están dispoñibles nesta ligazón.

Share.