A mensaxe de seguridade para a observación da eclipse do 12 de agosto non pode ser máis clara e contundente: se miramos ao Sol sen lentes homologadas, podemos perder a vista para sempre. Falamos dun perigo moi serio e moi real que se incrementa polo exceso de confianza ou por un sentimento de falsa seguridade. Ollar o Sol sen protección, aínda que sexa só un intre, é unha temeridade, xa que os danos da radiación solar sobre a retina adoitan ser indoloros e os síntomas poden aparecer horas ou incluso días despois, cando xa non hai remedio. Por iso, desde o Concello recompilamos nesta guía as recomendacións básicas para que desfrutes deste momento histórico con total seguridade.
X Nunca mires directamente ao Sol sen lentes de protección homologadas. Punto.
X Non empregues nunca métodos caseiros como lentes de sol, pantallas ou cristais de soldar, cristais afumados, radiografías, CDs ou DVDs, negativos fotográficos nin calquera outro método sen homologación.
X Non apuntes cámaras, teléfonos móbiles, prismáticos ou telescopios cara ao Sol sen filtros solares específicos. A luz solar pode estragar internamente os aparellos e, no caso de aparellos tales como prismáticos, telescopios ou o visor dunha cámara réflex, poden provocarche lesións inmediatas e moi graves nos ollos ao concentrar luz moi intensa no fondo do ollo (igual que unha lupa queimando papel). É mellor que non uses instrumentos ópticos se non posúes coñecementos avanzados sobre medidas de protección na observación deste tipo de fenómenos astronómicos e, en calquera caso, o filtro solar debe colocarse sempre diante do obxectivo, nunca no ocular.
✔ Utiliza exclusivamente lentes homologadas para observar eclipses, certificadas segundo a norma EN ISO 12312-2 e que conten co marcado de fabricación CE. Se usas lentes graduadas, coloca por riba delas as lentes da eclipse, termando delas coas mans para que se cingan ben aos cristais e o nariz se fose necesario.
✔ Comproba que as lentes homologadas estean en bo estado. Se presentan riscaduras, roturas ou calquera deterioración, non as empregues.
✔ Coloca sempre as lentes antes de mirar ao Sol e non as retires mentres exista algunha parte do disco solar visible. A forma correcta e baixar a cabeza, poñer as lentes e despois mirar ao ceo. Iso si, ten en conta que as lentes só son necesarias para mirar directamente ao Sol.
✔ Non perdas de vista ás nenas e nenos, xa que os seus ollos son máis sensibles á radiación solar e ademais seguramente non sexan conscientes do perigo que corren por mirar ao Sol sen protección. Tampouco perdas de vista ás persoas maiores. Asegúrate de que levan ben colocadas as lentes homologadas.
✔ As lentes só se poderán retirar durante o breve momento da totalidade da eclipse, que se producirá na nosa zona entre as 20:27:07 e as 20:28:42h. En canto reapareza o primeiro raio de Sol, volve poñer inmediatamente as lentes antes de mirar de novo ao ceo. Mentres o Sol estea totalmente oculto -lembrade só minuto ese minuto e medio- a escuridade será case como a da noite, de modo que para admirar ese momento culminante -e emocionante- teredes que quitar as lentes ou non veredes absolutamente nada. Insistimos de novo: só entre as 20:27:07 e as 20:28:42, un minuto e trinta e cinco segundos.
✔ Ah, e mentres agardas pola eclipse, bota crema solar, pon gorra, hidrátate ben e se estás no monte, bota tamén repelente de insectos indicado para as carrachas!.
✔ Escolle con antelación un bo lugar de observación, cun horizonte despexado cara ao solpor -o Oeste- e sen edificios, montes nin árbores que dificulten a visión. Aproveita estes días para buscar, aconsellámosche utilizar o visor móbil do IGN para comprobar que posición terá o Sol no momento central da eclipse. Non fai falla instalar a aplicación, só hai que darlle permiso á web para utilizar a cámara e a nosa situación para calcular a posición.
No territorio municipal hai moitos sitios cunha situación e orientación axeitada para ver a eclipse, polo menos a súa fase inicial, a totalidade e parte do percorrido final do Sol e a Lúa. No seguinte mapa reunimos a localización dalgúns deles, non todos, pregándolle á veciñanza que teña moi presente que a maioría non están preparados para acoller grandes aglomeracións de persoas, non reúnen condicións de accesibilidade, nin dispoñen de aparcadoiros axeitados.
Ademais, o Concello de San Sadurniño non ten capacidade para levar a cabo un dispositivo de seguridade que cubra todos os lugares nun evento tan excepcional coma este e, por esta razón, o mapa dispoñible en Google Maps é só unha referencia de lugares máis ou menos próximos que ofrecen unha situación e orientación adecuada para a observación, en ningún caso se trata dun listado de espazos recomendados para seguir o evento astronómico.
En relación coa mobilidade na tarde do 12 de agosto, desde o Concello tamén se prega que, sobre todo nestes puntos, non se obstaculicen pistas e outras vías de comunicación, que se respecten as propiedades privadas e que non se tire lixo.
Podes cambiar a vista a satélite desde a parte inferior do menú lateral despregable