O pleno aproba iniciar o expediente sobre a responsabilidade patrimonial dos edís que asinaron o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño

0

A sesión ordinaria do pleno deste mes de maio levaba como punto quizais máis destacado a votación do inicio do expediente de responsabilidade patrimonial solicitado no seu día polo PP -que mesmo acudiu á Xustiza- contra o goberno bipartito BNG-PSOE que asinou en 2007 o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. Unha cuestión rexeitada inicialmente polo máximo órgano da representación municipal e logo polo Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol que, máis recentemente, foi corrixida polo TSXG, quen fallou en firme a obriga de que o pleno municipal puxese en marcha o procedemento segundo marca a normativa. Iso foi o que se aprobou no serán de onte, con 4 votos favorables do BNG, os 3 do Partido Popular e un do edil socialista do Grupo Mixto.

O alcalde, Secundino García, introduciu o asunto antes do seu debate indicando que tanto el como Manolo Varela e Mari Carme Muíño -quen formaban parte do goberno en 2007- non ían participar no debate nin tampouco na votación da proposta, habida conta que o expediente lles afecta directamente.  De feito, o rexedor delegou na primeira tenente da Alcaldía, Raquel Piñeiro, a exposición de motivos e as posibles réplicas dialécticas ás que houbese lugar durante o debate.

Porén, en contra do que cabería agardar, o asunto tratouse sen demasiada controversia, posto que do que se trataba era de darlle cumprimento a unha sentenza do TSXG que só obriga a iniciar o expediente, pero que en ningún caso se pronuncia ao respecto do seu contido nin moito menos sobre como debe resolverse.

Tal e como explicou a Secretaria municipal -quen se mostrou sorprendida pola diferencia de pareceres do Contencioso-Administrativo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia-, unha vez aprobado o acordo polo pleno municipal, agora toca “nomear instrutor e seguir o procedemento”. Unha tramitación que seguramente se levará a cabo nas próximas semanas e que, de igual maneira, deberá ser resolta polo pleno.

Mocións
Tras este primeiro asunto, a corporación municipal abordou tres mocións de marcada orientación social, todas elas apoiadas por unanimidade. A primeira delas foi a subscrición das reivindicacións da Asociación Galega de persoas Afectadas de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) no sentido de acadar unha maior implicación das administracións nos coidados, por medio dunha lei que garanta a atención, xunto con políticas activas orientadas tanto ás persoas enfermas como ás súas familias.

Ademais, o pleno tamén se sumou á reclamación da ANPA do colexio Mosteiro de Caaveiro da Capela para que se lle garanta praza para o ano que vén a catro nenos -un deles de San Sadurniño- que nestes momentos descoñecen se van poder matricularse no centro.

A última das mocións condenou a situación que se vive en Oriente Próximo, desencadeada polos ataques de Hamás contra Israel e a desproporcionada resposta deste último país contra a poboación palestina. O texto promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade condena as accións do grupo terrorista e insta ao Estado de Israel a poñerlle fin ao asedio e os bombardeos dos territorios palestinos, ademais de avogar por unha paz “xusta e duradeira” sostida no cesamento da ocupación e o recoñecemento internacional dun estado de seu para o pobo palestino.

Rogos e preguntas

A recta final do pleno volveu estar ocupada polo apartado de rogos e preguntas, preceptivo nas sesións de carácter ordinario. Todas as cuestións presentadas viñeron das filas populares, quen se interesou polos estado de varios proxectos. Neste sentido, o PP preguntou polas previsións de reparar o vaso da piscina, polo plan de instalar iluminación no paseo fluvial e pola situación do proxecto de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita. O PP tamén inquiriu ao alcalde sobre os locais habilitados na Casa da Cultura para os grupos municipais.

Share.