O pleno abordará este xoves a xestión do novo Centro Municipal de Empresas

0

O pleno ordinario do mes de setembro, que debería terse celebrado o sábado, quedou adiado para a tarde deste xoves co obxectivo de facelo coincidir co remate da fase de exposición pública da conta xeral de 2015 e así poder incluíla na orde do día sen ter que agardar á seguinte sesión nin tampouco ter que convocar un pleno específico con ese único punto. O balance económico do ano pasado apunta a un peche do exercicio cuns remanentes totais de tesouraría de 545.000 euros. Ese será un dos puntos principais dunha convocatoria na que, ademais, se incluiu a aprobación do regulamento de xestión do Centro Municipal de Empresas e da ordenanza referida aos usos dos servizos e das instalacións do edificio situado ao carón da casa consistorial. As instalacións dispoñen de 13 locais para oficinas e dependencias comúns que, tan pronto como se aproben definitivamente tanto a ordenanza como o regulamento, se porán a disposición do emprendemento local ou daquelas empresas e profesionais por conta propia -e tamén entidades sen fins de lucro- que precisen un espazo asequible no que desenvolver as súas actividades por un prezo mensual de 5,83 euros por m².

O edificio -con 250 m² de espazo útil- posúe 13 locais con distintas medidas, que van desde os 8,50m² das cinco oficinas máis pequenas aos case 30m² da máis grande, situada fronte ao aparcadoiro. Nese abano de medidas tamén se porán á disposición das empresas outras sete, que van dos arredor de 11 metros cadrados ata preto de 22. Aplicando os prezos reflectidos na proposta da ordenanza, as oficinas máis pequenas terán un prezo inferior aos 50 euros mensuais e ás dun tamaño medio poderase acceder por arredor de 90 euros, incluíndo na taxa e en todos os casos o asesoramento técnico en materia de axudas e subvencións, a calefacción, a xestión de residuos, a limpeza, o acceso a internet de banda larga, a electricidade, as caixas de correo e a utilización de espazos compartidos como a sala de xuntanzas.

Porén, o Centro Municipal de Empresas tamén lle ofrecerá servizos a empresas e entidades sen fins de lucro sen necesidade de ocupar  oficina. Así, a ordenanza e o regulamento que se leva este xoves a pleno tamén contempla o uso das instalacións como domicilio social -incluída unha caixa de correo- por 20 euros anuais.

De acordo co regulamento o obxectivo do centro é apoiar o emprendemento e a xeración de emprego local, ben con iniciativas xurdidas en San Sadurniño ou con outras que se queiran asentar aquí, propiciando ademais que o recinto actúe como potenciador de sinerxias e relacións entre as empresas que o ocupen. A este respecto tamén se prevé colaborar coa xente moza que queira desenvolver un proxecto empresarial. Para iso ofertaráselle durante seis meses e sen custe tanto un espazo no centro como resto dos servizos, ademais de mobiliario e un ordenador.

A convocatoria dos espazos abrirase tan pronto como a ordenanza e o regulamento superen o preceptivo periodo de exposición pública e queden aprobados con carácter definitivo. Para optar a ocupar unha oficina deberán presentarse, entre outros documentos, unha solicitude, a identificación da persoa física ou xurídica solicitante e o plan de empresa que se quere levar adiante e que debe axustarse ás posibilidades físicas das instalacións. A partir de aí será unha comisión formada por persoal técnico municipal quen avalíe as propostas en base a un cadro que, tamén entre outras cuestións, puntuará o grao de viabilidade económica-financeira, os postos de emprego creados, o nivel de innovación en canto á proposta de servizos avanzados ou que non se estean prestando no territorio nestes momentos, que se trate de iniciativas promovidas por persoas incluídas nalgún colectivo de inserción preferente ou que se opte por unha fórmula cooperativa.

A distribución de locais farase segundo a puntuación obtida e as preferencias sinaladas na petición. O periodo de acceso ás instalacións será por 2 anos, prorrogables automaticamente de ano en ano salvo renuncia dunha das partes.

Outros asuntos do pleno
A aprobación do regulamento de xestión do Centro Municipal de Empresas e da ordenanza reguladora das taxas polo seu uso debateranse en dous puntos consecutivos. Porén, a sesión inclúe na orde do día outros cinco asuntos que ben poderían ser cualificados de trámite. O primeiro será a aprobación da acta anterior e o segundo referirase á aprobación da conta xeral de 2015, que segundo o informe da intervención municipal apunta a un peche do exercicio pasado cuns remanentes totais de tesouraría superiores aos 545.000 euros.

No pleno tamén se someterá a votación a actualización na numeración das ordenanzas fiscais municipais, no sentido de que todas leven un título correlativo trala incorporación de ordenanzas novas e a supresión doutras ao longo dos últimos anos.

Antes de entrar no apartado de rogos e preguntas, o último da sesión, o pleno tamén abordará a adhesión ao manifesto promovido pola AGFA do Eume a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras.

Exterior do Centro de Empresas
Exterior do Centro de Empresas
« 1 de 5 »
Share.