Na Plataforma de Contratación co Sector Público figuran desde hai uns días as licitacións abertas polo Concello de San Sadurniño para a reparación dun total de nove pistas repartidas polas parroquias de Bardaos, Santa Mariña, Naraío, Igrexafeita e Ferreira. Son tres proxectos acollidos ao POS+ 2024 da Deputación da Coruña cos que se mellorarán outros 5,4 quilómetros da rede viaria municipal. As empresas teñen de prazo até o próximo 17 de xullo para rexistrar as súas ofertas. O orzamento global está cuantificado en 158.874,42 euros, impostos incluidos.
A solución técnica definida nos pregos será a mesma nos tres proxectos: facer en primeiro lugar unha limpeza do firme e das cunetas, despois igualar a superficie eliminando fochancas e reforzando bordes e, por último, renovar o pavimento mediante regas asfálticas mesturadas con grava miúda.
Dentro do posible, o Concello agrupou as reparacións previstas por proximidade xeográfica, coa finalidade de que as licitadoras axilicen os traballos e, ademais, para optimizar recursos e minimizar a pegada de carbono asociada ao movemento de maquinaria.
Neste sentido, na banda norte, en Santa Mariña e Bardaos, volverase asfaltar a pista entre O Castro e A Sanguiñeira, de 680 metros, e mellorarase o acceso a unha vivenda no Vilar (100 m). No mesmo paquete tamén se incluiu a obra de mellora da pista que sobe desde a igrexa de San Paio, en Ferreira, até o lugar do Bidueiro, situado 870 metros máis arriba, na aba do Pico de San Vicente. O investimento necesario para estas tres intervencións está cifrado en 54.682,71€.
Outro dos proxectos que está en fase de licitación diríxese ao acondicionamento de catro pistas de Ferreira, Naraío e Igrexafeita. Son a conexión do núcleo do Sumeiro coa estrada provincial DP-7601, en Ferreira de Arriba (400 m); a renovación do firme desde a Fraguela ata a Ponte da Pedreira, en Naraío (950 m); e, xa en Igrexafeita, a reparación de cerca de 200 metros na parte alta da Torre, que inclúe a construción dunha taxea, así como os 450 metros que conectan as últimas vivendas de Amido coa pista aglomerada que sobe ao Hedreiro e A Chabola. Neste caso o orzamento base de licitación é de 55.457,42 euros.
O terceiro dos proxectos acollido á asignación fixa do POS+ da Deputación da Coruña agrupa, por un lado, o arranxo da pista entre a Penavidreira (Naraío) e A Gándara (Ferreira), sobre unha distancia total de 825 metros, e por outro, a reparación do eixo interior que baixa desde O Pico ata o Freixo, en Naraío, que abrangue 950 metros de trazado. O importe do proxecto sitúase nos 48.734,29€.
Deste xeito, o Concello de San Sadurniño levará a cabo a mellora de nove pistas distribuídas por cinco das sete parroquias do municipio, cun investimento previsto -a expensas de como queden finalmente as baixas das licitacións- de 158.874,42 euros, financiados con fondos provinciais. Investimentos que veñen sumarse a outros xa efectuados ou próximos ao seu inicio durante este 2024 por todo o territorio municipal, sufragados con fondos provinciais, do Concello ou de programas con achegas europeas como o plan de camiños da parcelaria ou o plan marco da AGADER.
Proxectos viarios deste 2024
O Concello inviste preto de 60.000 euros no aglomerado do principal eixo de Cornide
O Concello inviste cerca de 130.000 euros na reparación de varias pistas municipais
O Concello remata o aglomerado dun novo tramo na zona da Abelleira
O Concello aglomera o tramo entre A Veiga e O Castro, en Bardaos
Preto de 170.000 euros para reparar nove pistas en zonas de concentración parcelaria
Licitada a reparación de catro pistas en Igrexafeita e San Sadurniño