O Concello destinará os 107.000 euros do Plan Marco e do Fondo Ambiental á ampliación do abastecemento e a melloras na rede viaria

0

O Concello de San Sadurniño ten consignados un total de 107.311 euros procedentes do Plan Marco de mellora de camiños municipais e do Fondo Ambiental cos que se van financiar varias actuacións de mellora na rede viaria, así como a ampliación da rede de abastecemento municipal. Trátase de dúas partidas autonómicas, unha de 73.238 euros dirixida á reparación de pistas e outra de algo máis de 34.000 coa que se ten previsto levar auga pública aos núcleos de Gunduriz e A Curuxa. Os proxectos xa están redactados e agárdase iniciar en breve o procedemento de licitación.

A actuación referida á rede viaria ocuparase de aglomerar o tramo que enlaza a Pena da Meda co lugar do Cando, en Igrexafeita, sobre unha distancia de 1.170 metros, ademais de asfaltar unha pista adxacente que conecta co Couce.  O proxecto completará deste modo todo o eixo que vai desde a antiga estrada das Pontes até o lugar do Castro, posto que a outra metade da pista -a que sobe desde o Cando até o Forgoselo- xa se reparara con este mesmo tipo de firme en 2020.

O trazado A Pena da Meda-O Cando incluírase dentro das propostas presentadas ao POS+ Complementario deste ano, en espera de que a Deputación da Coruña liberase unha nova partida económica para levalo a cabo. Porén, a publicación da convocatoria do plan de camiños da AGADER financiado con fondos europeos permitiralle ao Concello adiantar a obra, facendo uns pequenos axustes no proxecto para axeitalo aos fondos dispoñibles. Eses pequenos axustes consistirán nunha ampliación do alcance das obras, coas que tamén se asfaltarán outros 250 metros no núcleo da Curuxa e 255 no do Rupiallo, ambos en San Sadurniño.

O importe total da intervención, segundo a memoria técnica, ascende a 88.617,93 euros, dos cales se sufragarán 73.238 a través do Plan de Camiños, mentres que os 15.379,97 euros restantes -correspondentes ao IVE- deberán ser asumidos polo Concello, tendo en conta que esa contía seguramente se vexa reducida na oferta da empresa que finalmente resulte adxudicataria dos traballos.

Ampliación e melloras no abastecemento
Por outra banda, San Sadurniño tamén ten consignados 34.073,20 euros do denominado Fondo Ambiental xestionado pola Xunta de Galicia a partir do canon que deben satisfacer as empresas eléctricas con instalacións eólicas no país. O gravame -creado en 2009 canda o Plan Eólico de Galicia– alimenta un fondo común que despois se distribúe  entre os concellos tomando como principal referencia o número de muíños que haxa en cada un deles.

Un sistema de reparto dos fondos que, a xuízo do alcalde, Secundino García, debería cambiarse para usar como principal indicador a potencia instalada: “co sistema actual, as eléctricas pagan o canon eólico en tramos segundo o número de muíños. Pero cos proxectos que hai enriba da mesa para parques novos e repotenciacións, que en moitos casos manteñen o número de muíños metendo xeradores moito máis potentes, o máis xusto sería que as empresas pagasen polo que realmente producen. A súa ganancia está na produción, non no número de aeroxeradores” comenta o rexedor.

Sexa como for, e mentres non haxa cambios no modelo financieiro do Fondo Ambiental  -que debe destinarse a investimentos dunha alta compoñente de sostenibilidade-, San Sadurniño investirá a contía asignada na ampliación do abastecemento de auga municipal aos lugares de Gunduriz e A Curuxa, en San Sadurniño, conectándoos co ramal executado recentemente no Rupiallo.

Ademais tamén se contempla instalar unha unidade de presión no depósito do Camiño Arriba, coa finalidade de garantir un bombeo efectivo nos puntos máis elevados da nova rede construída nesta zona da parroquia de Lamas, cuxa entrada en funcionamento agarda nestes momentos pola autorización de Augas de Galicia e da Consellaría de Sanidade.

O orzamento deste proxecto está cuantificado en 36.281,72 euros, impostos incluídos. Igual que no caso das obras viarias do Plan Marco, o Concello conta con iniciar en breve o procedemento de licitación pública.

Share.