O Concello inviste cerca de 130.000 euros na reparación de varias pistas municipais

0

A empresa José No Mantiñán e Hijos iniciou hai uns días as obras financiadas co POS+ 2023 coas que se van reparar integramente cinco tramos da rede viaria municipal, ademais de acometer rebacheos puntuais en zonas próximas. Son as pistas de Lugar do Monte, o Pousadoiro, Racamonde de Abaixo e un camiño interior de Lourido, en Naraío, ademais do asfaltado da pista de Solposto, en Igrexafeita. O investimento total sitúase nos 72.508,03 euros cos que se deixarán listos 3,2 quilómetros da zona máis elevada do municipio. O inicio destas actuacións cadra co remate doutro proxecto cifrado en algo máis de 57.000 euros para o asfaltado de 2,3 quilómetros en Igrexafeita, Ferreira e San Sadurniño.

En todos os casos o que se está facendo é, en primeiro lugar, unha limpeza en profundidade das cunetas e das taxeas, co obxectivo de asegurar unha correcta drenaxe lonxitudinal das pistas sobre as que se vai intervir. A finalidade da operación é evitar filtracións no subsolo por mor dunha mala evacuación das escorrentías que, de non atallarse, acabarían socavando o firme e producindo novos desperfectos en pouco tempo.

Tralo acondicionamento das gabias e das conducións soterradas -repoñendo as que estean danadas-, o proxecto inclúe o varrido do antigo pavimento, o tapado de fendas e buratos para regularizar a base e, por último, a aplicación dun dobre tratamento alternando regas asfálticas e saburra compactada. Ademais tamén se buscará darlle a todas as pistas un ancho medio de entre 3,25 e 3,5 metros.

A empresa adxudicataria dos traballos rematou hoxe á tarde a pista de Solposto, en Igrexafeita, cunha distancia total de 730 metros. Nos próximos días, se o tempo deixa avanzar, proseguirá cos 870 metros do camiño que enlaza o Lugar do Monte co cruzamento da Grúa, cos 1.290 metros que van desde o cruzamento da Abelleira até o Pousadoiro e co tramo de 300 metros xustos que van desde a ponte sobre o rego até o lugar de Racamonde de Abaixo. Tamén está previsto reparar un camiño de 90 metros polo que se serven tres vivendas do lugar de Lourido.

A piques de finalizar o proxecto O Pico, O Chao, Orxás e O Vilar
As obras en marcha cadran co remate doutro proxecto tamén financiado con fondos provinciais nas parroquias de Ferreira, San Sadurniño e Igrexafeita. O investimento neste caso ascende a 57.233 euros, destinados de igual maneira á limpeza de cunetas e ao estendido dun novo pavimento asfáltico nos 300 metros da pista do Chao, en Ferreira; nos 775 da pista do Vilar, en Igrexafeita; e nos 300 metros do acceso principal a Orxás, en San Sadurniño.

Todas estas pistas están finalizadas, e só quedarían pendentes 1.230 metros da pista do Pico (Ferreira) que o Concello e a empresa decidiron adiar ata que conclúa unha corta forestal que se está efectuando na zona.

Share.