O Concello de San Sadurniño vén de poñer en marcha un cuestionario aberto e anónimo co obxectivo de coñecer de primeira man como participa a veciñanza nas actividades organizadas polos distintos departamentos e que dificultades atopa para compatibilizalas coa súa vida cotiá. A enquisa tamén permitirá saber cales son os medios polos que a xente se informa das propostas municipais e servirá como ferramenta para deseñar unha programación máis inclusiva e axustada á realidade do territorio. Neste sentido, o cuestionario busca recoller información sobre os hábitos, necesidades e limitacións da poboación para adaptar mellor as actividades municipais.
O formulario, dispoñible en liña, pode cubrirse en poucos minutos e está estruturado en varias seccións. A primeira recolle datos sobre as actividades nas que se participou ao longo do 2025, mentres que a segunda analiza as canles de comunicación máis efectivas segundo a experiencia da persoa usuaria, como poden ser a prensa diaria, as redes sociais ou as propias canles municipais, como son o Facebook, o Whatsapp, a web municipal ou o boletín Novas, que acaba de chegar aos 150 números cunha periodicidade de cada mes e medio ou dous meses.
Por outra banda, a terceira parte do inquérito céntrase en aspectos sociodemográficos, como idade, xénero, situación laboral, parroquia de residencia ou estrutura familiar, sempre sen recoller datos de filiación que poidan identificar á persoa participante no estudo.
Un dos focos principais do cuestionario é a conciliación da vida persoal, laboral e comunitaria, xa que se trata dunha das prioridades do Concello á hora de planificar os seus servizos. De feito, con esta iniciativa preténdese “detectar barreiras ou desaxustes que limiten a participación cidadá, especialmente entre aquelas persoas con responsabilidades familiares ou con horarios laborais pouco flexibles”, comenta Araceli Bellas Castro, titular de Cultura, Normalización lingüística e Igualdade. “O formulario ideouse como unha ferramenta de diagnóstico promovida desde Igualdade, pero con participación das demais concellarías, que tamén tirarán conclusións moi útiles dos datos recollidos. Por outra banda, este cuestionario é un exemplo máis do traballo transversal en materia de igualdade que fan todas as áreas do Concello”.
Bellas Castro, que tamén é responsable da coordinación das políticas municipais, engade que a participación cidadá nesta enquisa “é clave para construír políticas públicas baseadas en datos reais e non en suposicións”. Desde o Executivo local anímase a todas as persoas maiores de 14 anos a que cubran o formulario, lembrando que se trata dun proceso “completamente anónimo e que toda a información será tratada cunha finalidade estatística”, asegura a concelleira.
O formulario permanecerá activo durante todo este ano para recabar información durante un periodo suficientemente amplo como para dar datos precisos e representativos. Para participar no cuestionario que, insistimos, é anónimo, abonda con picar nesta ligazón.