O Concello convoca para este xoves unha nova xuntanza para crear a comunidade enerxética

0

O Concello de San Sadurniño ten en marcha o proceso de creación dunha comunidade enerxética no territorio. Hai unha semana celebrouse unha reunión informativa na que a Asociación GDR Seitura 22 -integrante de ReDenerxía: enerxía local en rede- repasou en que consiste este modelo colectivo de xestión da enerxía, principalmente a eléctrica. Sete días despois, este xoves ás 20:30h, a Casa da Xuventude acollerá un novo encontro aberto á veciñanza no que o tema principal será a creación dunha asociación que lle dea corpo á comunidade e ás actividades que vaia desenvolver.

Na xuntanza presentarase un borrador de estatutos para que as persoas interesadas poidan revisalos e formular as achegas que consideren. Ademais tamén se solventarán dúbidas sobre cuestións técnicas, administrativas e de funcionamento da futura comunidade que, en principio, tamén permitiría concentrar demanda para negociar con comercializadoras.

Unha vez que o grupo promotor consensúe o contido dos estatutos, o seguinte paso será a súa sinatura e a constitución formal da asociación e dos seus órganos para seguir avanzando na procura de financiamento e tamén no proxecto de instalación de paneis.

Os primeiros emprazamentos que se barallan para o equipamento fotovoltaico son a azotea do Centro Municipal de Empresas e as cubertas da zona recreativa dos Currás, aínda que a localización definitiva e a dimensión da instalación -ou instalacións- vai depender do número de asociadas e asociados á comunidade, entre os que tamén se encontrará o Concello de San Sadurniño como principal dinamizador do proxecto.

Share.