O Concello contratará dúas persoas durante cinco meses e medio con cargo ao PEL da Deputación

0

O Boletín Oficial da Provincia de hoxe publica as bases polas que se rexerá en San Sadurniño a selección de persoal do programa de integración laboral da Deputación da Coruña. O Concello contratará durante 5,5 meses dúas persoas para apoiar o departamento de Obras e Servizos. Os perfís son o dun condutor/a a tempo completo para guiar tanto no camión do lixo como na maquinaria agrícola municipal, así como do dunha peoa ou peón especial que desempeñe, entre outros, labores de recollida e tratamento de resíduos, limpeza viaria ou control da rede de abastecemento de auga. O proceso selectivo efectuarase por valoración dos méritos -experiencia e formación- e, de acordo co que estipula o programa provincial, tamén das circunstancias socioeconómicas das persoas aspirantes. O prazo para presentar as instancias é de cinco días hábiles contados desde este martes 25 (incluído), de maneira que o último día será o martes 2 de maio. O rexistro da solicitude pode facerse presencialmente no Concello, por correo postal ou a través da Sede Electrónica municipal (ou doutra Administración).

Os requisitos para optar a calquera das dúas prazas temporais son o de ter nacionalidade española -ou doutro país membro da UE ou ter permiso de residencia-, ser maior de 16 anos sen exceder a idade de xubilación, non ter expedientes abertos ou sancións que impidan traballar para unha Administración pública, contar con aptitudes físicas e psíquicas para poder desempeñar as funcións de cada posto e, importante tamén, estar en situación de desemprego con inscrición no SPEG como demandante.

Ademais, no caso do posto de condutor/a haberá que presentar copia do carné de conducir C, mentres que para o de peón ou peoa abondará con estar en posesión do carné B e saber manexar a rozadora de fío.

A maiores destas condicións mínimas, as persoas aspirantes tamén deberán atoparse nalgunha das seguintes situacións, tal e como establece o PEL-Concellos da Deputación: ser muller, ter máis de 45 anos,  ser persoa desempregada de longa duración -polo menos un ano como demandante-, ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, que no fogar non haxa ningunha persoa empregada ou que sexa monoparental/monomarental, ter dificultade para atopar traballo por razóns de idioma ou socioculturais, non ter fogar, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse en situación de drogodependencia.

Calquera das anteriores situacións deberán acreditarse con infome emitido polos Servizos Sociais do concello onde se resida e no caso de que se teña algunha discapacidade, co correspondente certificado.

O procedemento de selección farase valorando con ata 3 puntos a experiencia profesional -que se debe acreditar coa vida laboral e certificacións ou contratos de traballo- e con outros 3 puntos os coñecementos adquiridos en programas de capacitación, formación ou integración laboral que estean relacionados cos postos ofertados.

As circunstancias socioeconómicas valorables  -ter menores a cargo, insuficiencia de ingresos familiares, desemprego de toda a unidade familiar ou de longa duración, situacións de especial risco de exclusión- outorgarán un máximo de 4 puntos. No caso de puntuacións parellas, este será o principal criterio de desempate.

As dúas persoas que obteñan a maior valoración no concurso de méritos -experiencia, formación e circunstancias persoais- accederán a dous contratos temporais de 5,5 meses de duración a xornada completa. A condutora ou condutor seleccionado terá entre os seus cometidos o manexo do camión do lixo e do tractor coa rozadora de brazo, ademais doutros traballos do departamento de Servizos e Obras, por un salario bruto de 2.124,16 euros mensuais (pagas extras prorrateadas). Para o posto de operario/a especial estipúlase un salario de 1.627,87€ brutos e as súas tarefas consistirán, entre outras, en labores de limpeza viaria, recollida e tratamento de lixo ou control da rede de abastecemento de auga.

As bases de todo o proceso selectivo poden consultarse nesta ligazón, onde tamén se encontra a folla de solicitude que deberá presentarse xunto coa copia do DNI, dos carnés de conducir esixidos en cada posto ao que se opte e das acreditacións da experiencia e dos méritos valorables.

A instancia pode presentarse até o martes 2 de maio presencialmente no Concello -en horario de rexistro de 9:00h a 14:00h– ou a través da Sede Electrónica municipal. Tamén se pode remitir por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña) ou por medio das sedes electrónicas doutras Administracións públicas. Se se opta por calquera destas dúas últimas opcións será necesario enviar copia do rexistro nas 24 horas seguintes a correo@sansadurnino.gal, coa finalidade de que o tribunal teña constancia desas solicitudes cursadas desde fóra do Concello.

 

 

Share.