A Casa da Xuventude acolleu onte á tardiña un encontro ben interesante no que se explicou un modelo alternativo de produción e consumo de enerxía eléctrica. Un modelo de base social co que podemos conseguir certa autonomía con respecto ás grandes produtoras e distribuidoras, ao tempo que contribuímos a reducir a pegada de carbono… e de paso aforrar uns cartiños na factura da luz. O experto en materia de eficiencia enerxética e parlamentario do BNG Xosé Manuel Golpe Acuña veu por San Sadurniño para falarnos das comunidades enerxéticas, que son asociacións ou cooperativas creadas con esa finalidade (aínda que tamén poden ter outras), con posibilidade de estar integradas por persoas particulares, autónomas, pemes, colectivos ou administracións, como é o caso dos concellos. De feito, segundo Golpe Acuña, a implicación das administracións locais pode ser un factor determinante para a posta en marcha das comunidades. Niso está o Concello de San Sadurniño, que trala charla de onte decidiu dar dous pasos moi concretos: organizar encontros informativos en todas as parroquias e empezar a traballar de inmediato coas persoas que mostren interese nesta fórmula.
Xosé Manuel Golpe Acuña foi debullando na súa charla -certamente entretida e clarificadora- tanto os aspectos legais como técnicos das comunidades enerxéticas, que son entidades colectivas de base social que poden adoptar a fórmula de asociacións ou cooperativas, e que poden ter distintos obxectos sociais. O máis común é a produción e consumo compartido de electricidade, pero tamén poden crearse para acometer melloras de eficiencia enerxética, para fomentar a mobilidade eléctrica, a distribución de enerxía térmica, etc.
Crear unha asociación ou unha cooperativa son as dúas opcións máis sinxelas, aínda que Golpe suxire tirar pola primeira opción pola rapidez da súa constitución e polo doado de xestionala, aínda que tamén advirte da necesidade de que a participación e o funcionamento deben estar ben definidos. Desta entidade poden formar parte persoas particulares, autónomas, pemes, entidades sen fins de lucro e tamén administracións públicas, como é o caso do Concello.
A produción fotovoltaica é o modelo polo que optaron a maioría de experiencias que xa se puxeron en marcha en todo o Estado -arredor de 400-. A filosofía é a dunha instalación da que os fogares tiran cando está producindo e que inxecta na rede os posibles excedentes que se producen nas horas centrais do día. Esa é a idea, aínda que realmente non é así, senón que todo vai á rede e despois a compañía comercializadora compensa na factura a contía que nos toque por enerxía producida na instalación común, de acordo coa nosa participación na comunidade enerxética.
En San Sadurniño, segundo Golpe Acuña, unha instalación solar podería producir, no mellor dos escenarios, unhas 1.200 ou 1.300 horas ao ano. E os aforros que se poderían conseguir na factura da luz “serían a partir dun 30% e de aí para arriba”, asegurou o experto. A tecnoloxía está madura, abaratouse moito nos últimos anos e tralo investimento inicial, que pode roldar os 800 euros quilovatio, require moi pouco mantemento. “Son uns 300 euros ao ano”, calculou o experto, xa que os traballos de conservación necesarios “son pouco máis que pasarlle unha baeta aos paneis e revisar o inversor”, bromeou.
A instalación debe ir precedida dun proxecto técnico “ben calculado” consistente en elixir zonas máis ou menos céntricas con respecto ao grupo de integrantes da comunidade e instalar paneis orientados ao sur con suficiente superficie para atender as súas necesidades (canta máis área fotovoltaica, maior produción), preferiblemente sobre lugares que cumpran o requisito da orientación e do tamaño axeitado, como ben puidera ser a cuberta do pavillón municipal que se puxo onte como exemplo.
A normativa actual establece que os paneis solares non poden estar a máis de 2 quilómetros dos domicilios das persoas integradas na comunidade, sempre e cando as placas se encontren instaladas nun tellado ou cuberta, xa que se se instalan no chan, esa distancia máxima redúcese a tan só 500 metros.
Segundo Golpe Acuña, “existen maneiras” de que fogares máis afastados poidan beneficiarse tamén do aforro da comunidade e ademais a normativa encóntrase en fase de revisión e espérase que a distancia máxima para os paneis en tellados se amplíe aos 5 quilómetros, co que sería máis doado poñer en marcha comunidades en Galicia, onde -a diferencia de Castela- a poboación está moi dispersa.
Como queira que sexa, na charla de onte quedaron claros moitos aspectos, entre eles o dos prazos, posto que se debe ter en conta que, sendo optimistas, desde que se empeza a dar os primeiros pasos, como a constitución da asociación, ata que finalmente se ten en marcha a comunidade “poden pasar tranquilamente uns tres anos”, asegurou Golpe Acuña.
Por outra banda, no encontro falouse da existencia de axudas para sacar adiante estes proxectos, aínda que tamén se comentou a cara “B” das mesmas, como son solicitudes complexas e compromisos que se deben adquirir, sobre todo os de tipo financieiro, para poder acceder ás achegas. Razóns polas que o experto aconsellou non acudir aos fondos estatais -nutridos na actualidade cos NextGenerationEU-, considerando mellor fiar a recuperación do investimento aos aforros conseguidos mes a mes na factura da luz.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, -quen agradeceu a presenza de Golpe Acuña-, informou ao remate da xuntanza do interese do Concello neste modelo “alternativo ás grandes enerxéticas” e adiantou que o Executivo local ten previsto organizar nas parroquias encontros coma o de onte, co obxectivo de explicar todos os pormenores das comunidades enerxéticas e xuntar “masa crítica” para poder impulsar un destes proxectos no municipio, igual que está facendo xa o veciño Concello de Moeche.
García Casal e a maioría das arredor de vinte persoas que asistiron ao encontro tamén mostraron a súa disposición para ser o núcleo da iniciativa, sempre e cando o Concello ofreza apoio técnico e se implique nela como unha socia máis.