A primavera é un dos momentos máis importantes na loita contra a avespa velutina. O trampeo nesta época, que cadra co espertar das raíñas fundadoras, é clave para frear a expansión da praga, xa que cada por cada exemplar que capturemos haberá un niño menos do que preocuparse no verán. Aínda que hai certa controversia científica ao respecto, entidades e persoas do mundo apícola aseguran que o trampeo temperán reduce de maneira significativa a presenza de velutinas arredor das colmeas. Este esforzo preventivo resulta especialmente importante en comarcas como a nosa, onde a presión da velutina segue sendo moi elevada a pesar de que os medios de comunicación xa non falan tanto dela como hai uns anos. Desde o Concello animamos á veciñanza a trampear, xa que as abellas, que son grandes polinizadoras, é tamén protexer a produción agrícola e a biodiversidade do noso territorio.
O momento axeitado para o trampeo abrangue, por regra xeral, desde finais de febreiro ou marzo ata maio, dependendo das condicións meteorolóxicas. As trampas deben colocarse en puntos estratéxicos: zonas soleadas e resgardadas do vento, preto de masas de auga (regatos, fontes, estanques), en hortas, xardíns con flores temperás e árbores froiteiras en flor, ou nas proximidades de colmeares. Tamén son lugares favorables as beiras de camiños e sitios onde a temporada pasada se detectaron grandes niños secundarios.
Recoméndase colgar as trampas a unha altura de entre 1,5 e 2 metros, preferiblemente en pólas ou soportes firmes, evitando o contacto directo co chan. É importante distribuílas de forma equilibrada, sen saturar unha mesma zona, e revisalas cada 7-10 días para renovar o líquido e liberar, se é posible, insectos non obxectivo.
Para minimizar o impacto sobre outras especies, convén empregar trampas con deseño selectivo. Un modelo sinxelo e eficaz pode fabricarse na casa reutilizando botellas de plástico de 1,5 ou 2 litros. Basta con practicar dous ou tres buratos laterais de arredor de 5-6 mm de diámetro -suficiente para que entre a velutina pero non insectos maiores, como a vespa crabro- a uns 3-4 cm por debaixo do colo da botella.
Tamén se pode cortar a parte superior e invertela en forma de embude, asegurándoa con cinta ou grampas. No interior colócase o líquido atraente (uns 3-4 cm de altura) e, se é posible, unha esponxa ou material absorbente para evitar que os insectos se afoguen rapidamente e facilitar a identificación das capturas. É recomendable facer pequenos orificios de drenaxe para evitar que a auga da chuvia dilúa o cebo.
En canto aos líquidos atraentes, aínda non existe unha fórmula totalmente selectiva, pero a evidencia dispoñible sinala que as mesturas doces e fermentadas funcionan razoablemente ben nesta fase. Unha das combinacións máis empregadas é cervexa negra con azucre e un chisco de viño branco, que pode axudar a reducir a entrada de abellas. Outras opcións inclúen zumes de froita fermentados, refrescos azucrados, levadura fresca ou preparados comerciais específicos dispoñibles no mercado. O importante é manter o cebo activo substituíndoo cada poucos días e evitar mesturas demasiado atractivas para outros insectos beneficiosos.
Cómpre insistir en que o trampeo debe ser selectivo e limitado no tempo: unha vez rematada a primavera, as trampas deben retirarse para non afectar á fauna auxiliar. Estudos recentes indican que unha porcentaxe elevada das capturas pode corresponder a especies distintas da velutina, polo que a responsabilidade no uso das trampas é clave para non xerar efectos negativos sobre o ecosistema.
Desde a área municipal de Desenvolvemento local faise, coma todos os anos, un chamamento á colaboración veciñal no trampeo de primavera, mesmo a aquelas persoas que non teñen colmeas. Cada raíña capturada nesta época é un niño menos no verán, o que contribúe a protexer os apiarios da contorna e, con eles, a función vital das abellas como polinizadoras e produtoras de mel.