O Concello amplía até as 14:00h deste mércores o prazo para inscribirse nas tres probas da Sanrockeira

0

As persoas que queiran participar na IV Cronoescalada Sanrockeira, que se disputará este venres 7 de agosto en Naraío, aínda están a tempo de anotarse. O Concello decidiu ampliar o prazo de inscrición até as dúas da tarde deste mércores 5 de agosto, de maneira que haberá unhas horas máis para formalizar a participación a través da plataforma emesports.es. A competición, organizada en colaboración con Biela e Chaveta, contará con categorías para bicicleta de montaña e estrada e, como principal novidade desta edición, incorporará tamén unha subida a pé polo mesmo percorrido.

A Cronoescalada Sanrockeira volve propoñer un trazado curto pero moi esixente no que haberá que completar os 3,39 quilómetros que separan o campo da festa de Naraío do lugar de Quintiá, entre os que media unha diferenza de altitude de 297 metros. A dureza do camiño, especialmente nos segmentos  A Cernada-Lourido e Lourido-Quintiá, converte esta cita nunha das probas máis atractivas do calendario deportivo comarcal.

A principal novidade deste ano será a incorporación dunha carreira a pé, que compartirá o mesmo itinerario da modalidade ciclista e permitirá ampliar a participación a persoas afeitas ás probas de resistencia. A saída desta modalidade está posta para as 17:30 horas, mentres que as bicicletas empezarán a rodar ás 18:00h de unha en unha cada minuto nun formato contrarreloxo.

As inscricións poden realizarse ata as 14:00h deste mércores 5 de agosto en emesports.es, onde tamén está dispoñible toda a información sobre as categorías da proba e onde se poderán descargar os resultados ao seu remate. Poderán participar persoas de 17 anos ou máis, cun prezo de 5 euros por disciplina. O límite establecido pola organización é de 100 participantes na modalidade ciclista e outros 100 na subida a pé.

Entregaranse premios no apartado feminino e masculino para BTT, bicicleta de estrada e para a carreira a pé, dentro das categorías absoluta -17 a 49 anos- e máster 50 (de cincuenta anos en diante). Os premios son uns cestiños moi xeitosos que levan unha caixa de Maruxas de Nata e produtos elaborados na Fusquenlla: paté de shiitake de Manda Carballo, compota de mazá de Aires de Susi e dúas marmeladas -unha de arando e outra de tomate- de Ay! Carmen conservas.

A IV Cronoescalada Sanrockeira forma parte do programa Sansa en Rodas, unha iniciativa promovida conxuntamente polo Club MTB Biela e Chaveta e o Concello de San Sadurniño para fomentar a práctica deportiva e dar a coñecer o territorio a través do deporte. O calendario completarase despois do verán cunha saída nocturna en bicicleta de montaña polos montes do municipio, prevista para o venres 2 de outubro.

Share.