Natalia Alves Novo toma posesión da súa praza como funcionaria administrativa

0

O Concello de San Sadurniño concluiu hai escasos días o proceso de concurso-oposición para cubrir en propiedade unha praza de persoal de administración. A nomeada para o posto foi Natalia Alves Novo, despois de que renunciasen a ocupalo as dúas aspirantes aprobadas e con maiores puntuacións. Alves é licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo con especialización na rama económica e empresarial. No Concello de San Sadurniño desempeñará as funcións contempladas na RPT conforme a denominación da praza de Administrativa cun nivel de destino 17 e un complemento específico de 34,95.

Entre as funcións que se describen na Relación de Postos de Traballo atópase, principalmente, a de atención ao público, na que entrarían a atención telefónica e do correo, a xestión do rexistro e do Punto de Información Catastral ou a levanza das incidencias comunicadas pola veciñanza -iluminación pública, recollida de voluminosos, etc.-.

Ademais tamén colaborará con outras áreas, como por exemplo a tramitación do Padrón Municipal e a remisión de información estatística, o arquivo, o departamento de Urbanismo ou aqueloutras necesidades englobadas na caracterización do posto.

Natalia Alves obtivo a terceira mellor puntuación no concurso oposición convocado o pasado mes de marzo polo Concello para cubrir en propiedade unha praza de Administrativo/a. No proceso, cuxa documentación está publicada neste apartado da nosa web, a puntuación máis alta acadouna  Eiravedra Filgueira Caneiro, seguida de María Sandra Pouso Fustes. Porén, ambas aspirantes renunciaron a ser nomeadas; no caso de Filgueira por ter tomado posesión días antes da praza da Administrativa de xestión convocada polo Concello de San Sadurniño e no  caso de Sandra Pouso por ter accedido a un posto de funcionaria no Concello de Fene.

Máis procesos selectivos abertos
O Concello de San Sadurniño ten abertos neste momento outros dous procesos de concurso-oposición, correspondentes aos postos de Traballador/a social e o de Oficial/a de maquinaria. Ademais tamén están iniciados e en distintos momentos da súa tramitación un total de 8 procesos especiais de estabilización, tal e como se recolle na Oferta de Emprego Público 2022 en cumprimento da normativa estatal para reducir a temporalidade de longa duración nas Administracións públicas. Toda a información pode atoparse no apartado  Portal de Transparencia/Institucional/Persoal

Share.