Eiravedra Filgueira toma posesión da praza de Administrativa de Xestión convocada polo Concello

0

Eiravedra Alba Filgueira Caneiro é desde hoxe nova funcionaria de carreira do Concello de San Sadurniño, despois de acadar a máxima puntuación no proceso selectivo mediante concurso-oposición iniciado o pasado 22 de decembro coa publicación das bases para a cobertura dun posto como Administrativa/o de Xestión.  A praza, incluída na RPT municipal e na oferta de emprego público de 2021, encádrase no Grupo C, Subgrupo C1.

Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña, Filgueira tomou posesión da súa praza esta mañá. No seu novo posto ocuparase, entre outras cuestións, de apoiar o labor da Técnica de Xestión, da levanza de trámites relacionados cos padróns tributarios e a oficina do rexistro, de tarefas vencelladas á contabilidade municipal e outras materias recollidas nas funcións da Relación de Postos de Traballo aprobada polo Concello.

Eiravedra Filgueira viña desenvolvendo desde agosto de 2019 labores como Administrativa de Secretaría con carácter de interinidade tras superar tamén daquela un proceso de contratación de persoal convocado polo Concello que, porén, tiña carácter temporal.

En marzo deste mesmo ano o BOE publicou dúas convocatorias para as prazas de Administrativo/a e Administrativo/a de Xestión, cuxas probas se foron desenvolvendo case en paralelo durante a primavera e comezos do verán. A nova funcionaria municipal participou en ambos procesos, dentro dos cales foi o correspondente a Administrativo/a de Xestión o que primeiro se completou e no que obtivo a máxima puntuación.

Na convocatoria, composta por catro probas eliminatorias, participaron inicialmente 32 persoas aspirantes, aínda que ao cuarto dos exames da fase de oposición só chegaron cinco candidatas, catro delas cos mesmos puntos por experiencia, titulación e cursos de formación. No sumatorio final do concurso-oposición, Eiravedra Filgueira obtivo 91,8 puntos, cunha diferenza de case 12 puntos sobre o segundo mellor cómputo total.

Máis procesos selectivos abertos
O Concello de San Sadurniño ten abertos neste momento outros tres procesos de concurso-oposición, correspondentes aos postos de Traballador/a social, Oficial/a de maquinaria e o xa moi avanzado para cubrir a outra praza de Administrativo/a. Ademais tamén están iniciados e en distintos momentos da súa tramitación un total de 8 procesos especiais de estabilización, tal e como se recolle na Oferta de Emprego Público 2022 en cumprimento da normativa estatal para reducir a temporalidade de longa duración nas Administracións públicas. Toda a información pode atoparse no apartado  Portal de Transparencia/Institucional/Persoal

Share.