Música moderna despide curso este domingo, e as demais escolas o venres que vén

0

As escolas municipais van parar durante o verán. Pero antes de marchar mostrarannos todo o que foron aprendendo nos últimos meses e como van progresando ano tras ano as distintas disciplinas ofertadas tanto en música e baile tradicional como nas aulas de música moderna. Este ano, a clausura dos cursos volve repartirse en dúas datas e dous escenarios diferentes. Así, este domingo 21 a partir das 12:00h será o alumnado de Xoán Leis quen despida a temporada na Casa da Cultura a partir das 12:00h con entrada libre, mentres que as escolas de música tradicional -gaita, percusión, pandeireta e baile- están chamadas para o venres 26 a partir das 18:45h, neste caso nos Xardíns municipais. As  escolas culturais ofertadas polo Concello contaron este curos con 85 participantes.

Xoán Leis e o seu equipo están poñendo en práctica un método de aprendizaxe musical ben exitoso que se basea na escoita, no adestramento do ritmo e na práctica instrumental, primeiro de acompañamentos e despois, a medida que se colle destreza, tamén de melodías principais.

Coa técnica de Leis a clave é tocar desde o primeiro momento para que o alumnado vaia vendo tamén os seus progresos e se cree a necesidade de seguir aprendendo e practicando. Piano, batería, baixo, guitarra eléctrica e outros instrumentos en mans de persoas sen experiencia previa que en moi pouco tempo conseguiron defender un pequeno repertorio e que incluso se atreven xa con pezas complexas.

Tal é así que desde esta escola de música moderna, que conta con 44 participantes desde rapazada até avoas, se promove a formación de combos, ou o que é o mesmo: grupos de instrumentistas que teñan un pequeno repertorio ensaiado e que se animen a tocar en público. Precisamente un destes combos, de nome “Malbicho”, foi seleccionado para participar no Festi Pops de Ribeira o próximo 26 de xuño.

Porén, antes daquela –este domingo 21 a partir das 12:00h- poderemos ver a súa proposta na Casa da Cultura canda á das demais persoas que ensaian todas as semanas na Casa da Xuventude con Xoán Leis e co resto de profesores, todos eles profesionais con grande experiencia en bandas e orquestras.  De seguro que o repertorio combinará de novo clásicos do rock, do pop e da música tradicional, aos que o alumnado lle dá un xeito novo e sorprendente.

Por outra banda, as escolas municipais culturais pecharán a tempada á sombra das árbores dos xardíns do pazo o venres 26 nun evento que comezará ás 18:45h co monólogo musicado -ou concerto monologado- “Contos de defuntos e outros asuntos” de Brais das Hortas, dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A continuación, arredor das 19:30h, chegará a vez das escolas de música tradicional, para a que están chamadas gaitas, bombo, tamboril, pandeiretas e tamén beiladoras e beiladores. Ofrecerán actuacións por separado e tamén algunhas pezas conxuntas. Ao remate haberá uns petiscos aos que, ademais, están convidados os grupos de ximnasia de mantemento, que tamén acaban de pechar curso. De feito, entre escolas culturais, ximnasia e música moderna, no período 2025-2026 houbo 155 persoas asistindo ás distintas disciplinas ofertadas polo Concello, ás que cómpre engadirlles outras 170, metade por metade, das escolas de fútbol e voleibol, xestionadas pola EF Irmandiños e o Aldebarán, respectivamente. 

Horarios do ximnasio e da biblioteca
En relación co tempo de vacacións, desde as áreas de Cultura e Deportes tamén se lembra que o Ximnasio Municipal abrirá só de 8:00 a 15:00h durante o mes de xullo e do 1 ao 4 de setembro (agosto pechado), e que a Biblioteca atenderá de 10:00 a 14:00h os luns, martes, xoves e venres no perído comprendido entre o 22 de xuño e o 6 de agosto e do 27 de agosto ata o 8 de setembro, permanecendo pechada do 7 ao 26 de agosto.

Share.