Jeane Costa falaranos o domingo en Santa Mariña sobre sexo máis aló da xuventude

0

A idade avanzada implica que o sexo se acabou?. Non. Facernos maiores quere dicir que xa non podemos sentir pracer sexual?. Tampouco. Cando pasamos de certos anos… escusamos tocarnos porque xa non hai maneira de experimentar sensacións?. Non, definitivamente non. Tres preguntas e tres respostas tallantes para retrucar a falsa crenza de que ao facernos maiores, as relacións sexuais son pouco menos que algo prohibido. Un tabú que nos impide desfrutar plenamente da vida e dos nosos corpos. Un tabú do que hai que falar abertamente e que cómpre desmentir. Por iso, o Concello e a ACRD Santa Mariña do Monte organizan este domingo a partir das 18:00h o obradoiro “Corpos maiores, praceres mellores”, guiado pola sexóloga Jeane Costa. A actividade pretende, como indica o propio título, visibilizar a sexualidade na madurez, ademais de ser un espazo seguro e respectuoso para comentar temas como o pracer, o benestar e o autocoidado en idades avanzadas.

A iniciativa chega nun contexto no que a sexualidade na terceira idade segue a ser un tema rodeado de tabús e silencios. A visión tradicional, moitas veces reducionista e centrada nos corpos xuvenís, deixou fóra as persoas maiores, especialmente as mulleres, privándoas de espazos de autocoñecemento e expresión afectiva. Este obradoiro vén romper con eses prexuízos e abrir o debate sobre o dereito ao pracer durante toda a vida.

Jeane Costa, profesional que está sacando adiante o proxecto Sexología Atlántica, será a encargada de conducir a sesión. Costa leva anos traballando na formación e divulgación en materia de sexualidade desde unha perspectiva inclusiva e feminista. O seu enfoque destaca pola creación de espazos seguros onde as persoas poidan explorar sen xuízos as súas vivencias e necesidades afectivo-sexuais.

Durante o obradoiro “Corpos maiores, praceres mellores”, as persoas participantes poderán compartir reflexións, desmontar mitos e adquirir coñecementos sobre ferramentas prácticas para vivir a sexualidade de maneira consciente e satisfactoria. Trataranse temas como a saúde sexual, o desexo, o coidado do corpo e a importancia da comunicación. Todo iso nun ambiente de respecto e confidencialidade.

A actividade está coorganizada pola ACRD Santa Mariña do Monte e a área municipal de Igualdade. Ademais de abordar abertamente e sen complexos a cuestión do sexo nas persoas maiores, esta proposta tamén busca combater o illamento e fomentar unha mirada positiva do envellecemento como unha etapa que se pode e debe vivir con plenitude en todos os ámbitos, tamén no sexual.

Share.