“Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio”, San Sadurniño recupera a memoria histórica local

0

Outubro será o mes da memoria en San Sadurniño, por medio do programa “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” promovido polo Concello con apoio da Deputación da Coruña e a colaboración da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). Ao longo das próximas semanas organizaranse unha serie de actividades participativas e de divulgación para reivindicar a memoria das persoas de San Sadurniño que sufriron as consecuencias do Golpe de Estado do 36 e a represión da ditadura. O primeiro encontro será este sábado 17 de outubro a partir das 19:00h no local social de Naraío. Nela falarase da sabotaxe da planta eléctrica de Riolimpo efectuada polos coñecidos daquela como escapados -a guerrilla antifascista do maquis-, que a investigación levada a cabo dentro deste proxecto relaciona directamente coa posterior execución de dous veciños da parroquia.

Os historiadores Henrique e Roque Sanfiz, a profesora e escritora Anxos García Fonte e o ilustrador Carlos Sardiña participarán nos encontros coa veciñanza nos que se presentarán a publicación da banda deseñada “A morte nas Fragas” e o documental “Os fíos da memoria” producidos pola asociación de emisoras radiofónicas.

O proxecto “Enterrar o espírito da guerra e os discursos de odio” incluirá, ademais das actividades de divulgación, un obradoiro de elaboración de podcast no que poderá aprenderse a elaborar un produto radiofónico en formato podcast a través dunha experiencia de investigación sobre a memoria histórica do concello. Unha iniciativa que, segundo explican desde EMUGA, “contará coa complicidade da veciñanza de San Sadurniño que será imprescindible para colaborar na recuperación dos coñecementos sobre a memoria histórica local que as familias coñecen e conservan”.

O primeiro dos actos está previsto para as 19:00h deste sábado 17 de outubro no local social de Naraío e estará aberto a todas as persoas interesadas. O historiador Henrique Sanfiz falará alí sobre “Os sucesos de Naraío”, título que abarca o ataque da guerrilla antifranquista ás instalacións de Electra del Narahío en agosto de 1945 e as brutais represalias tomadas polas autoridades daquel entón que, ao parecer, tiveron como consecuencia, tres anos despois, a tortura e asasinato de dous veciños da parroquia detidos pola brigadilla da Garda Civil.

Trala conferencia de Naraío virán máis charlas e actividades analizando outros casos e episodios da historia de San Sadurniño que aínda perviven na memoria local e incluso na de algunhas persoas maiores que foron testemuñas directas do terror vivido na posguerra. As seguintes datas do calendario -aínda por pechar definitivamente- serán o 31 de outubro na Casa da Cultura e dúas xornadas máis que terían lugar na Biblioteca Municipal e no Centro de Día, ademais de desenvolver un obradoiro no CPI e de achegar o traballo desenvolvido a outras parroquias.

O proxecto “Enterrar o espírito da guerra e os discursos de odio” forma parte dun programa impulsado polo Concello de San Sadurniño con apoio da Deputación da Coruña que tivo por obxecto investigar a represión franquista no municipio, a reparación das vítimas e a retirada de elementos de exaltación da ditadura que aínda quedaban en espazos públicos.

 

Share.