Do 11 de agosto ao 12 de setembro permanecerá aberto o prazo de solicitude das axudas para Cultura

0

O Consello de Participación Veciñal reunido a finais do pasado mes de xuño deulle o seu visto e prace ás bases das axudas dirixidas a asociacións e clubes deportivos do municipio, con idea de que puidesen ser aprobadas no pleno ordinario de xullo. Porén, finalmente as bases aprobáronse en Xunta de Goberno Local, saíron no BOP o pasado 5 de agosto e este mércores, día 10, publicouse no boletín provincial a convocatoria correspondente a Cultura, dando entre o 11 de agosto e o día 12 de setembro -ambos incluídos- para presentar as solicitudes. O trámite debe facerse por vía electrónica achegando cuberta a documentación que se pode descargar unhas liñas máis abaixo. A partida total ascende a 16.000 euros: 14.000 para programación e 2.000 para gastos en infraestruturas daqueles colectivos que teñan locais alugados ou en propiedade. As axudas para Deportes -outros 10.000€-contarán cun prazo de solicitude propio que aínda non está aberto. 

Ás axudas poderán concorrer todos os colectivos sen fins de lucro que non teñan suscrito convenio nominativo co Concello e que estean constituídos de foma válida, inscritos no Rexistro municipal de entidades e con domicilio social en San Sadurniño, aínda que tamén se abre a porta a aqueloutros que malia seren de fóra desenvolvan actividades de interese municipal. A convocatoria mesmo está aberta ás agrupacións de persoas físicas ou xurídicas constituídas sen fins de lucro.

En calquera caso, tal e como establecen as bases, deberán levar a cabo programacións de carácter puntual ou anual no eido cultural -celebracións, homenaxes, exposicións, publicacións, mostras, eventos musicais, conferencias, estudos, etc.-, que contribúan á “promoción e divulgación dos valores culturais galegos”. Quedan fóra as actividades que non cumpran o estipulado nas bases, ademais das viaxes de lecer  que non teñan un marcado carácter cultural, os gastos de manutención, as de carácter confesional e as festas.

Na Liña 1 para actividade, a distribución das achegas farase seguindo criterios baremables que asignarán distintas puntuacións dependendo, entre outros aspectos, do interese xeral e repercusión da actividade, de que se fomente a educación en valores solidarios, ambientais ou igualitarios, o grao de innovación da proposta, a promoción da participación da xente nova, o esforzo orzamentario ou a estabilidade e solvencia da entidade na organización das súas propostas. Todos os criterios e a fórmula que se aplicará para o cálculo da puntuación encóntranse recollidos nas bases da convocatoria publicada no BOP o pasado 5 de agosto.

Dependendo do proxecto presentado, o límite máximo que podería recibir un colectivo serían 5.000 euros de axuda, destinados ao financiamento da contratación de actividades, á merca de materiais funxibles (máximo 25% do orzamento total admitido), aos gastos de mantemento e aloxamento en caso de intercambios de grupos artísticos, a material didáctico, ao alugueiro de equipamento -palcos, carpas, iluminación, amplificación, etc.-, á contratación de artistas, a publicidade e a seguros de accidentes e de responsabilidade civil das actividades subvencionadas.

Na Liña 2, dotada con 2.000 euros, poderán obterse  1.000 euros como máximo se a entidade  fai investimentos en melloras -obras ou equipamento- ou soporta gastos correntes  -luz, seguro das instalacións, calefacción, etc.- nun local do que sexa titular en propiedade ou aluguer.

Solicitudes
Antes diso cómpre que as entidades presenten a correspondente solicitude nos formularios normalizados que se publicaron como anexos canda as bases: o referido á identificación da asociación e da persoa representante; o que deberá conter o programa de actividades realizadas ou que se vaian realizar durante este ano -incluída a súa descrición, importe e as axudas que se prevén obter doutras entidades públicas ou privadas-; os gastos de mantemento, infraestrutura ou equipamento -de ter local propio- co seu custe ; a certificación do acordo de solicitude das axudas adoptado pola Directiva; a declaración da persoa respresentante conforme non existe ningunha causa que impida concorrer ás axudas e, por último, os documentos relativos aos compromisos de obter permisos e licenzas no caso de facer obras nos locais e da declaración ao respecto de que se utiliza un espazo en propiedade ou alugado.

O prazo de solicitude permanecerá aberto entre o 11 de agosto e o 12 de setembro, ambos días incluídos, e toda a tramitación debe facerse a través da Sede Electrónica municipal ou de calquera outro rexistro electrónico admitido na normativa reguladora das relacións entre a cidadanía e as Administracións Públicas.

Unha vez valoradas as programacións, o técnico de Cultura achegará o informe coas puntuacións e cantidades asignadas seguindo os criterios estipulados nas bases. O informe pasará entón á Comisión Cualificadora, formada por representantes do Grupo de goberno, da oposición e persoal municipal, quen lle formulará á Xunta de Goberno Local a proposta para que esta última formalice a concesión das subvencións.

Xustificación das axudas
Os importes da axuda seranlles comunicados ás asociacións e, trala súa aceptación, poderán presentar a xustificación dos gastos subvencionables efectuados. Un trámite que ten de prazo máximo até o próximo 30 de decembro.

A xustificación debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento admitido na solicitude da convocatoria.

Se se conta con axudas doutras Administracións ou entidades privadas, o importe para xustificar resultará da suma de todos os importes recibidos -subvención municipal máis outras axudas- máis o 20% do orzamento admitido na convocatoria. Xunto coas facturas (ou nóminas e TCs se o gasto é a contratación dunha persoa física) tamén se deberá achegar toda a documentación impresa xerada -carteis, anuncios en prensa ou en redes sociais…- que acredite a participación municipal no financiamento das actividades.

Documentación descargable:
Bases das axudas para Cultura publicadas no BOP (05/08/2022)
Publicación no BOP coa apertura do prazo de solicitude (10/08/2022) O prazo remata o 12 de setembro de 2022
Folla de solicitude e anexos

Para a xustificación das axudas concedidas (unha vez que o Concello notifique o importe da subvención):
Anexo de xustificación das actividades
Anexo de xustificación de investimento/mantemento/equipamento (Entidades con local en propiedade ou alugado)

Share.