O proxecto educativo Terra de vida, impulsado polo Concello de San Sadurniño con axuda da cooperativa Rexenerando, pechou o primeiro semestre de 2026 cun balance de 148 alumnas e alumnos participantes nos sete obradoiros didácticos organizados durante os meses de abril e maio. O programa consolídase deste xeito como unha proposta novidosa para descubrir o patrimonio natural e cultural a través de experiencias ao aire libre, ofrecéndolles aos centros de ensino e ás familias unha maneira diferente de coñecer os espazos verdes da contorna da capital municipal, ademais do valor histórico do castelo de Naraío. Paralelamente, o programa intensificou a súa difusión entre os centros educativos de Ferrolterra, Eume, Betanzos e A Coruña co obxectivo de ampliar a participación durante o curso que arranca en setembro.
O balance da primeira metade do ano confirma a boa acollida de Terra de vida, unha iniciativa municipal que convida a descubrir os espazos naturais de San Sadurniño a través de experiencias educativas ao aire libre. Durante a primavera, principalmente en abril e maio, desenvolvéronse sete obradoiros guiados nos que participou alumnado do CEIP Ponte de Xuvia, do CEIP San Xoán de Filgueira e do CPI da Xunqueira de Fene, sumando un total de 148 participantes entre Educación Primaria e Secundaria.
O programa pretende ofrecer unha maneira diferente de interpretar o patrimonio ambiental e cultural -tamén o inmaterial- que xorde a cada paso cando se percorre a zona da Cortiña, o Pazo e os Xardíns da Marquesa, o Arboreto didáctico, a Horta de Froiteiras, o Apiario, o Pozo dos Donceis e a Fraga Máxica, xuntando nese paseo a educación ambiental co coñecemento da historia local e a biodiversidade. Unha experiencia á que tamén se lle engaden dinámicas adaptadas ás distintas idades arredor do consumo responsable e a sostenibilidade.
Terra de vida botou a andar en 2022 centrándose nos itinerarios verdes dos arredores da zona urbana, aínda que máis recentemente tamén ampliou a súa oferta con percorridos interpretativos polo castelo de Naraío, dirixidos neste caso a alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato e a grupos de persoas adultas.
Ademais das visitas xa realizadas no que levamos de ano, Rexenerando levou a cabo unha campaña de difusión entre os centros educativos das comarcas de Ferrolterra, Eume, Betanzos e A Coruña, remitindo información sobre ambas propostas de lecer educativo e contactando cos colexios máis próximos ao municipio para preparar a programación 2026-2027. Varios deles, entre os que figuran o CEIP San Ramón e o CEIP O Feal, xa amosaron o seu interese en participar nas actividades durante o próximo curso escolar.
Os centros de ensino, asociacións, colectivos e grupos interesados en participar poden solicitar máis información ou reservar unha actividade chamando ao 604 033 515 ou escribindo ao correo electrónico info@rexenerando.com.
Terra de vida é un proxecto educativo promovido polo Concello de San Sadurniño para divulgar e poñer en valor os espazos verdes do núcleo urbano a través de visitas guiadas, obradoiros e materiais didácticos. A proposta busca sensibilizar sobre a importancia da biodiversidade, do patrimonio natural e cultural e do coidado do territorio mediante unha aprendizaxe vivencial, adaptada ás diferentes etapas educativas e aberta tamén á participación de familias e outros grupos interesados.