As canchas de area do Mesón A Granxa acollerán desde a mañá deste sábado o I Torneo Internacional de Vólei Praia Concello de San Sadurniño, unha competición puntuable para o ránking galego e estatal que reunirá durante toda a fin de semana deportistas de diferentes procedencias. A proba, promovida ao abeiro do Rei da Granxa, comezará ás 10:30h e prolongarase até o serán do domingo cun marcado carácter internacional, xa que haberá parellas procedentes de Portugal, Rusia ou Turquía. Deste xeito, San Sadurniño converterase durante dous días en referencia desta modalidade deportiva asociada ás zonas costeiras, pero que busca asentarse tamén no rural interior do norte de Galicia.
A primeira xornada estará dedicada ás fases previas, que determinarán as parellas que accederán ao cadro final. A competición masculina comezará ás 10:30h, mentres que a quenda feminina arrancará ás 14:00h. A previsión da organización é que os encontros se prolonguen toda a tarde e que rematen arredor das 21:00h, momento no que quedarán definidas as parellas clasificadas para disputar as roldas do domingo. Esa segunda xornada iniciarase ás 09:00h e estará centrada integramente nos cadros finais, co cálculo de que a entrega de trofeos ás parellas vencedoras se poida efectuar a iso das 20:00h.
O torneo contará con 16 parellas masculinas e 12 femininas, cunha participación que destaca tanto pola cantidade como pola diversidade das procedencias. Á presenza de deportistas de Galicia súmanse xogadores e xogadoras chegados doutros puntos do Estado e tamén do estranxeiro, con representación de países como Portugal, Rusia ou Turquía. Unha dimensión internacional que contribúe a elevar o nivel competitivo da proba e supón tamén unha oportunidade para que San Sadurniño acolla unha cita deportiva pouco habitual no calendario da comarca que, ademais, é puntuable para o ránking galego e estatal.
En canto aos premios, as parellas que suban ao podio recibirán unha recompensa económica: 100 euros máis un vale de 100 euros de Volabola para o primeiro posto, 100 euros para o segundo e 50 euros para o terceiro. Ademais, todas as parellas que accedan ao cadro final recibirán a equipación oficial do Rei da Granxa, que vestirán durante a fase decisiva da competición.
Detrás da organización está, precisamente, a iniciativa Rei da Granxa, promovida polo xogador local Marcos Blanco coa intención de que as canchas de area do Mesón A Granxa cheguen a consolidarse como un espazo de referencia para o vólei praia. A proba conta, ademais, coa colaboración do Aldebarán, o Concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña, a Federación Galega de Voleibol e varias firmas comerciais.