Amplíase o prazo para apuntarse no curso de iniciación á apicultura ofrecido pola Casa do Mel e o Concello

0

A área de Desenvolvemento local subscribe todos os anos un convenio de colaboración coa asociación apícola Casa do Mel que contempla  o mantemento do colmear didáctico da Cortiña e a impartición de cursos sectoriais como o que se vai desenvolver os días 7, 12, 13 e 14 de maio. A acción formativa centrarase na iniciación á apicultura e tocarao practicamente todo, desde o coidado e mantemento das colonias de abella até a colleita do mel e doutros produtos da colmea. Para participar neste curso farán falla un mínimo de 10 inscricións e como tope fixouse a cifra de 25 participantes. Trala ampliación do prazo de inscrición, o último día para anotarse será o venres 5 de maio mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919 en horario de mañá de luns a venres. 

O curso é totalmente gratuíto para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, mentres que o resto de participantes deberán pagar o primeiro día unha matrícula de 45€. As sesións están programadas para o domingo 7 de maio entre as 9:00 e as 14:00h, o venres 12 de 16:30 a 21:30h e o sábado 13 e domingo 14 de maio de 9:00h a 14:00h. As tres primeiras clases desenvolveranse na Casa da Cultura, mentres que a do último día trasladarase á Casa do Mel de Goente.

O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou que teñan certo interese no mundo apícola, aínda que tamén será moi interesante para quen teña xa certa experiencia e queira seguir aprendendo. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso, combinando a teoría e a práctica no espazo didáctico da Cortiña.

Algúns dos temas tratados serán a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel -as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación- e as prácticas de reprodución dos enxames. Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática e de fungos e parasitos que poden decimar a súa poboación.

O último día, o domingo 14, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se extraen da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.

O curso de iniciación á apicultura encádrase no convenio que veñen asinando nos últimos anos o Concello e a Casa do Mel, coa finalidade de mellorar a capacitación de todas aquelas persoas interesadas no mundo das abellas e continuar promovendo a cultura apícola, que ademais de ser fundamental para o ambiente tamén ofrece interesantes oportunidades económicas e de emprego.

Ofértanse un máximo de 25 prazas, que serán gratuítas para veciñanza empadroada en San Sadurniño e persoas socias da Casa do Mel (o resto de participantes, 45€). Para que a actividade vaia adiante farán falla un mínimo de 10 inscricións. Hai que anotarse no 616 332 919 chamando en horario de mañá ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal indicando no corpo do asunto “Inscrición curso de apicultura” e achegando os datos persoais e de contacto. O último día é o venres 5 de maio.

Métodos de loita contra a avespa asiática
Cómpre recordar que o programa Apostando polo sector primario tamén abordará, unha vez máis, o problema da vespa velutina nigrithorax. A praga xa está asentada no territorio e, á espera dun método de loita baseado en feromonas, nestes momentos o único método efectivo para conter o seu avance son os trampeos na primavera e a comezos do inverno, así como a localización e destrución de niños primarios.

A estratexia de combate debe combinarse con medidas de protección das colmeas, entre as que se encontran as arpas eléctricas, as trampas con atraentes ou a busca, cada vez máis difícil, de lugares para instalar as alvarizas que teñan unha baixa incidencia da praga.

Estas serán algunhas das cuestións que se tratarán na Casa da Xuventude o venres 5 de maio ás 19:00h, nunha charla gratuíta e con entrada libre ofrecida tamén pola Asociación Casa do Mel.

Share.