O Concello volverá felicitar as festas que nos veñen aí cunha pequena mostra do noso patrimonio reinterpretado a través da arte. Se o ano pasado foron as sete igrexas parroquiais as protagonistas dunha colección de postais encargada á acuarelista Blanca Escrigas, desta vez serán as oito capelas espalladas polo territorio municipal as que viaxen dun lado a outro levando os mellores desexos para o Nadal e o ano que entra. O Concello fará unha tirada de 1.600 postais, 200 de cada unha das ilustracións, obra tamén este ano da artista valdoviñesa. As postais estarán a disposición da veciñanza desde primeiros de decembro tanto na Casa da Cultura como nas oficinas municipais.
Blanca Escrigas completa deste xeito o seu particular percorrido pictórico pola arquitectura relixiosa de San Sadurniño, pousando a súa ollada na capela do Belén, en San Sadurniño; na de Santa Mariña, en Naraío; na da Esperanza, en Santa Mariña do Monte; nas de San Cristovo da Portela e San Cristovo de Ferreira; na de San Marcos de Amido; na de San Estevo do Camiño Arriba e na de Santiago de Silvalonga. Oito pequenos templos de características construtivas moi diferentes e vinculados, en boa parte dos casos, a antigas tradicións, romarías e celebracións populares.
Fiel á súa maneira de interpretar a paisaxe e a arquitectura, Escrigas foxe da representación estritamente realista das capelas para ofrecer unha visión moito máis libre e expresiva, na que combina a acuarela, os trazos de tinta e elementos propios do collage. As liñas deliberadamente irregulares, as manchas de cor, os apuntamentos manuscritos e a incorporación de texturas que lembran papeis recortados ou rachados confírenlle a cada composición unha personalidade propia, mantendo ao tempo unha evidente unidade estética en toda a serie.
Nas ilustracións teñen case tanta importancia os edificios como a súa contorna. As árbores espidas, os camiños, os prados, os cruceiros e mesmo elementos tan cotiáns como os postes, os cables do tendido eléctrico ou mesmo algunha que outra bañeira reconvertida en bebedoiro para o gando. Recursos que Escrigas non inventa, senón que contribúen a replicar a paisaxe sen idealizala. A artista xoga tamén cos contrastes entre as tonalidades da pedra, os brancos das fachadas e a ampla variedade de verdes, azuis e ocres que caracterizan o noso territorio.
Alén do seu valor artístico e da súa función como felicitación de Nadal, as postais son tamén unha invitación a reparar nesas pequenas construcións que vemos a diario e que, precisamente pola súa familiaridade, ás veces nos pasan desapercibidas. Tras os seus muros hai historias de devoción popular, de encontros veciñais e de costumes transmitidos de xeración en xeración, algunhas delas recollidas nos artigos e testemuños dispoñibles no proxecto de memoria colectiva Fálame de San Sadurniño.
Os deseños das postais encóntranse neste momento na fase de preimpresión, que ademais da dixitalización das obras orixinais tamén inclúe a súa maquetación para adaptalas ao formato normalizado de Correos. Farase unha tirada de 200 exemplares de cada capela -1.600 postais en total-, que se imprimirán con grande detalle e coidado especial na reprodución da cor sobre un papel rugoso de alta gramaxe. Facelo así ten como finalidade conseguir un acabado que realce a calidade e a textura das ilustracións, ademais de lograr que as postais se parezan o máis posible aos debuxos orixinais.
As pequenas obras de arte poderán recollerse de balde desde primeiros de decembro na Casa da Cultura e nas oficinas do Concello, ben para gardalas como recordo ou ben para recuperar, nos tempos do Whatsapp, o costume de felicitar as festas cunhas letras escritas á man.