A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia convocou para o ano 2026 novas axudas destinadas á incorporación de persoas agricultoras mozas e á modernización de explotacións agrarias, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas teñen como obxectivo favorecer o relevo xeracional no campo galego e mellorar a competitividade das explotacións agrarias.
MR404A – Establecemento de persoas agricultoras mozas que cumpran os seguintes requisitos:
-
Ter entre 18 e 40 anos, ambos incluídos.
-
Cumprir as condicións necesarias para ser xefe ou xefa de explotación por primeira vez, ou telos cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude (agás no caso de incorporación nunha forma xurídica).
-
Alcanzar a condición de agricultor profesional nun prazo máximo de 18 meses desde a data de establecemento.
-
A explotación agraria deberá acadar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.
-
Posuír o nivel de capacitación profesional suficiente, segundo o Decreto 200/2012, nun prazo máximo de 36 meses desde o establecemento.
-
Presentar un plan empresarial.
-
Manter a actividade agraria durante 5 anos desde o pagamento final da axuda.
-
Participar no programa de titorización para persoas agricultoras mozas da Consellería do Medio Rural.
-
Non ter concedida anteriormente unha axuda por primeira instalación ou, no seu caso, ter renunciado a ela.
Cantidade da axuda: A axuda base é de 30.000 euros, podendo incrementarse ata 70.000 euros se se cumpren determinados criterios:
-
10.000 € por ser muller.
-
10.000 € se a explotación está situada en zonas con limitacións naturais de montaña ou na Rede Natura 2000.
-
10.000 € se se trata dunha explotación de agricultura ecolóxica.
-
10.000 € por titularidade compartida.
No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 30.000 euros.
MR405F – Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, ás que poderán acceder as persoas que:
-
Soliciten simultaneamente a axuda de establecemento de persoas agricultoras mozas (MR404A).
-
Teñan polo menos 18 anos no caso de persoas físicas.
-
Dispoñan de capacitación profesional suficiente, segundo o Decreto 200/2012.
-
Teñan como actividade principal a agraria.
-
Exerzan a actividade agraria na explotación e manteñan os investimentos cofinanciados durante 5 anos.
-
Presenten unha solicitude viable economicamente.
-
Non teñan expediente na submedida 4.1 do PDR de Galicia 2014-2020 (apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas).
-
Non teñan concedida unha axuda pola mesma subintervención.
Investimentos elixibles: Serán subvencionables os investimentos materiais e inmateriais que melloren o rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións agrarias. Inclúense, entre outros:
-
Reforma ou construción de instalacións e compra de maquinaria que reduza custos de produción ou aumente a produtividade.
-
Compra de construcións agrarias en desuso ou adquiridas mediante transmisión dunha explotación a través do Banco de Explotacións.
-
Plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude froiteira (árbores e arbustos froiteiros).
-
Compra de terreos, segundo o establecido no Regulamento (UE) 2021/2115.
-
Investimentos inmateriais asociados aos anteriores, como gastos xerais, licenzas de software ou permisos.
O investimento mínimo elixible establécese en 15.000 euros.
Cantidade da axuda: A axuda cubrirá o 30 % dos custos elixibles, podendo incrementarse ata un máximo do 65 % segundo os criterios establecidos na orde. A contía máxima será de 75.000 euros por UTA, cun límite de 250.000 euros por persoa beneficiaria. Como máximo, o 30 % da axuda poderá destinarse á adquisición de maquinaria agrícola.
Prazo de solicitude: ata o 9 de abril de 2026.