A finalidade destas subvencións é contribuír a que as vivendas unifamiliares xestionen de forma axeitada as súas augas residuais domésticas a través dunha solución de depuración autónoma.
Persoas beneficiarias: Persoas físicas propietarias ou titulares de calquera dereito sobre as vivendas que deben estar terminadas e ser de uso residencial.
Actuacións subvencionables e requisitos: Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 destinados á renovación de sistemas de saneamento que cumpran os seguintes requisitos:
- Que os sistemas de depuración autónomos se sitúen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Que as augas residuais procedan de vivendas unifamiliares.
- Que os rendementos de depuración que se pretende acadar coas instalacións de depuración ou as porcentaxes mínimas de redución cumpran os seguintes valores, ben referidos ao límite de parámetros ou ben referidos á porcentaxe mínima de redución, alternativos:
| Parámetros | Límite | Porcentaxe mínima de redución |
| DBO5 | 200 mg/L | 20 % |
| DQO total | 300 mg/L | 30 % |
| Sólidos en suspensión | 150 mg/L | 50 % |
| Aceites e graxas | 25 mg/L | – |
| Deterxentes | 3 mg/L | – |
- Que o volume de almacenamento total sexa igual ou maior a dous metros cúbicos e que teñan, como mínimo, dúas cámaras.
- Que, cando resulte exixible para a obtención da autorización de vertedura, o sistema dispoña da preceptiva marcación CE conforme coa norma UNE-EN 12566.
- Que a vertedura se produza por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación subterráneo.
- Que estean instalados a máis de vinte metros dunha captación subterránea.
Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa recuperable pola persoa física beneficiaria. Non será subvencionable a primeira instalación dun sistema de depuración autónomo.
As persoas solicitantes desta subvención deberán contar coa autorización de vertedura ou co xustificante de ter solicitado a dita autorización con anterioridade á finalización do prazo de xustificación da subvención. A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo en que se sitúe o sistema de saneamento. Todas as actuacións deberán contar coa comunicación previa ou, de ser necesaria, coa correspondente licenza municipal.
Gastos subvencionables: Aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro de 2026. Será gasto subvencionable a renovación dun sistema de saneamento. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente.
Non serán gastos subvencionables os gastos de adquisición de equipamento e materiais de segunda man, de actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o sistema de saneamento, de xuros, recargas, sancións administrativas, sancións penais nin de procedementos xudiciais.
Prazo de solicitude: desde o 16/02/2026 ás 09:00h. ata o 16/03/2026 ás 14:00h.
Cantidade: O importe das subvencións será do 100 %, incluído o IVE, ata esgotar o crédito da convocatoria, co límite máximo de catro mil euros (4.000 €) por vivenda unifamiliar.