A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou no DOG a Orde do 21 de novembro de 2025 pola que se convocan para 2026 as axudas destinadas a paliar os danos provocados polo xabarín en explotacións agrícolas galegas (procedemento MT809E). Poderán solicitarse para todos os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2025 e o 10 de outubro de 2026. O prazo de presentación será dun mes desde a entrada en vigor da orde ou desde o día seguinte á comunicación do dano a través do 012, segundo cada caso. As axudas inclúen importes por metro cadrado segundo cultivo e cun máximo de 2.750 euros por persoa beneficiaria.
Estas axudas que se publican todos os anos teñen como finalidade compensar os danos causados polo xabarín en cultivos agrícolas, xa sexan propiedade de persoas titulares de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) como daquelas con explotacións de autoconsumo, sempre que acrediten a titularidade da parcela afectada. O expediente será único por persoa beneficiaria e incluirá todos os danos rexistrados antes da colleita.
As contías establécense mediante un baremo por metro cadrado segundo o tipo de cultivo. Entre os valores aprobados este ano están os 0,19 €/m² para os danos producidos en leiras de millo en gran, 0,29 €/m² para millo forraxeiro e 0,14 €/m² para as pradeiras e plantacións cereais como trigo, avea ou centeo.
No caso de cultivos hortícolas, a orde autonómica cifra en 0,51 €/m² as compensacións para os danos do porco bravo na pataca e 0,79 €/m² se as plantacións son de cenoria, repolo ou nabos. O maior importe nas hortalizas, 2,1€/m², resérvase para aquelas caracterizadas na convocatoria como tipo 2, que son a coliflor, o tomate, a berenxena, a cabaciña, a cebola, o feixón verde (as xudías), a leituga, o pemento e o allo porro. No caso das froiteiras, incluída a vide, a axuda será de 3,72 €/m².
O importe máximo que poderá percibir unha mesma persoa beneficiaria será de 2.750 euros, mesmo cando os danos estimados superen esta cantidade.
Para ter dereito á axuda, é obrigatorio comunicar os danos no prazo máximo de tres días hábiles desde a súa aparición chamando ao 012, que facilitará un código de expediente. Tras iso, persoal técnico da Consellería desprazarase ao lugar para realizar a correspondente valoración, imprescindible antes de proceder á solicitude. A orde establece que as comunicacións posteriores ao 11 de outubro de 2026 quedarán condicionadas á futura convocatoria de 2027.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente de forma electrónica a través da sede da Xunta de Galicia, sendo esta vía obrigatoria para persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, persoas autónomas e representantes destes colectivos. As persoas non obrigadas poderán optar pola presentación presencial. Xunto á solicitude deberá achegarse, de ser o caso, documentación acreditativa da titularidade da explotación, da representación ou dos acordos sociais no caso de entidades.
A tramitación das axudas realizarase en concorrencia non competitiva, ao tratarse dunha liña de carácter compensatorio. As solicitudes serán avaliadas polos servizos de Patrimonio Natural e a resolución emitirase no prazo máximo de 30 días hábiles desde a súa presentación. Unha vez notificada a concesión, a persoa beneficiaria deberá aceptar expresamente a axuda nun prazo de dez días, aínda que a falta de resposta entenderase como aceptación.
Estas axudas son compatibles con outras destinadas ao mesmo fin, sempre que a suma non supere o custo total dos danos sufridos. Porén, son incompatibles con indemnizacións percibidas por responsabilidade patrimonial polos mesmos feitos.