A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá este xoves 26 de novembro ás 12:45h a representación de “Planeta LGTBIQ”, unha proposta de teatro e narración oral que nos convida a reflexionar sobre o respecto á diversidade, a liberdade individual e a aceptación das diferenzas. O espectáculo chega a San Sadurniño da man do Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello, e forma parte das actividades programadas con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, incidindo na necesidade de superar os estereotipos e os roles de xénero que están na orixe de moitas desigualdades.
A historia parte da chegada á Terra dun ser extraterrestre procedente do planeta M’Burro, un lugar supostamente moi avanzado no que a súa poboación presume de non desperdiciar o tempo. Alí todo está perfectamente organizado: cada día visten a mesma roupa, comen o mesmo e mesmo deixan en mans dun ordenador a elección das súas parellas.
A visita deste peculiar personaxe servirá para poñer en cuestión un modelo de sociedade onde non hai cabida para as diferenzas nin para as decisións individuais. A través da ficción e do humor, o espectáculo propón descubrir que a verdadeira riqueza reside precisamente na diversidade e na liberdade de cada persoa para ser, sentir e elixir.
A montaxe convida tamén a reflexionar sobre os estereotipos de xénero, os convencionalismos sociais e todas aquelas imposicións que condicionan a maneira en que nos expresamos, nos relacionamos ou vivimos a nosa afectividade.
No contexto do 25N, a obra adquire un especial valor educativo ao abordar, desde unha perspectiva lúdica, cuestións que están na raíz das desigualdades e das violencias machistas, como son a imposición de determinados roles de xénero, o control sobre as decisións individuais ou a intolerancia ante formas de ser e de sentir que se afastan das normas socialmente establecidas. Traballar estes conceptos desde idades temperás contribúe a desmontar prexuízos, a desenvolver o pensamento crítico e a interiorizar valores como o respecto, a autonomía persoal e a liberdade, fundamentais para establecer relacións afectivas igualitarias e previr condutas discriminatorias e violentas.
“Planeta LGTBIQ” forma parte do Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña, unha iniciativa que emprega as artes escénicas como ferramenta de sensibilización social, favorecendo a reflexión arredor da igualdade, do respecto á diversidade e da construción dunha sociedade libre de discriminacións. A peza representarase este xoves ás 12:45h para alumnado do CPI San Sadurniño.