A galería da Casa do Concello de San Sadurniño acolle desde o serán deste xoves a exposición “Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión”, promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. A mostra recupera as historias de 540 mulleres galegas que participaron nas loitas sociais, agrarias, laborais e políticas, así como daquelas que sufriron a represión pola súa actividade ou polo seu compromiso coa defensa das liberdades. Case corenta paneis inzados de documentación, fotografías e testemuños propoñen un percorrido por máis dun século da nosa historia desde unha perspectiva que reivindica o protagonismo das mulleres nos procesos de transformación social. A exposición, que poderá visitarse ata o 30 de novembro, enmárcase na programación municipal con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Á presentación asistiron a deputada provincial de Igualdade, Sol Agra Tuñas, o alcalde, Secundino García Casal, as concelleiras María Muíño Filgueira e Raquel Piñeiro López e tamén a deputada provincial Cristina García Rey, ademais de representantes da asociación O Lavadoiro e varias veciñas e veciños. No encontro participou, ademais, a escritora e investigadora Montse Fajardo, comisaria da exposición e autora dos seus contidos, quen se encargou de guiar as persoas asistentes polos distintos bloques temáticos da mostra, debullando algunhas das historias que se agochan detrás dos documentos e das imaxes.
Durante o percorrido, Fajardo foi mencionando nomes e relatando episodios desde as revolucións agrarias -como a Revolta das pedradas de 1918- ata practicamente o remate do século XX, incidindo a cada pouco na capacidade de iniciativa e no activismo de moitas das protagonistas, a pesar de que determinadas lecturas da historia as relegaron a un papel secundario. Mulleres que non foron simples acompañantes dos homes nin testemuñas pasivas dos acontecementos, senón impulsoras e protagonistas das revoltas agrarias, do movemento obreiro e sindical, da actividade política, da resistencia antifranquista e das mobilizacións que contribuíron á conquista da democracia. A exposición aborda, ademais, as distintas formas de represión exercidas contra elas e o posterior esquecemento ao que foron relegadas durante décadas.
A deputada de Igualdade, Sol Agra, salientou durante a presentación o compromiso da institución provincial coa recuperación e divulgación desa memoria. “Falamos de mulleres que loitaron polos seus dereitos, pola liberdade e pola xustiza social, que foron perseguidas, represaliadas e mesmo asasinadas por non conformarse coas inxustizas e por defender unha sociedade máis igualitaria. Mulleres que, ademais de sufrir a represión, foron borradas durante moito tempo da historia oficial”, sinalou Agra, quen tamén incidiu na importancia de trasladar ese coñecemento ás novas xeracións, lembrando que “os dereitos nunca están garantidos para sempre e coñecer a historia é tamén unha maneira de defendelos fronte a calquera intento de retroceso”.
Nesa mesma liña se expresou a concelleira de Benestar, María Muíño, para quen a defensa dos dereitos humanos debe ser un principio indiscutible de calquera democracia, sen que iso signifique que a súa conquista sexa un proceso rematado. “Esta exposición permítenos comprobar, desde unha perspectiva histórica, que os dereitos se conquistan a través da loita, pero tamén se poden perder. É unha chamada a defender os avances acadados e a seguir traballando por aqueles que aínda nos faltan”. Muíño advertiu, ademais, que “o borrado das mulleres da historia é tamén unha forma de violencia”, subliñando por este motivo a necesidade de traballos de investigación e divulgación como o desenvolvido por Montse Fajardo.
Cen anos de conquistas e represión
“Sinaladas” é un proxecto impulsado pola Deputación da Coruña en 2023, primeiro cun formato de grandes estruturas para espazos ao aire libre e, posteriormente, como colección de paneis máis axeitados para salas de exposicións. En ambos casos o contido é idéntico, ofrecendo unha visión de conxunto das loitas das mulleres galegas desde finais do século XIX ata as últimas décadas do XX. A exposición está composta por 39 paneis, cun total de 284 apartados e 373 imaxes que permiten achegarnos ás traxectorias vitais de 540 mulleres, algunhas delas sobradamente coñecidas e outras moitas practicamente anónimas malia a relevancia que tiveron nos seus ámbitos de actuación.
Os primeiros bloques da mostra céntranse nas décadas anteriores ao golpe de Estado de xullo de 1936 -o agrarismo, os anos da República…- e nas consecuencias que padeceron moitas das pioneiras polo seu compromiso político e social. A exposición adéntrase despois nos anos da guerra, detallando as violacións e escarnios públicos aos que moitas delas foron sometidas, pero tamén nos tempos da resistencia e da guerrilla antifranquista, para abordar a continuación a persistencia da represión durante a ditadura e mesmo despois da morte de Franco, así como a participación das mulleres nos movementos sociais que abriron o camiño á democracia.
“Sinaladas” é unha exposición para ver devagar, deténdose tanto na lectura dos textos como nas fotografías e nos documentos que os acompañan. Unha oportunidade para descubrir historias pouco ou nada coñecidas, pero tamén para revisar desde outra perspectiva moitos dos acontecementos que marcaron a historia recente do noso país e nos que as mulleres tiveron un papel moito máis relevante do que tradicionalmente se lles recoñeceu. Podemos visitala ata o 30 de novembro na galería da Casa do Concello.