San Sadurniño revalida as súas tres Flores de Honra no certame Vilas en Flor

0

O Concello de San Sadurniño acaba de renovar as súas tres Flores de Honra no certame Vilas en Flor, unha distinción que o municipio mantén de maneira ininterrompida desde 2021. A entrega dos recoñecementos tivo lugar esta mañá nun acto celebrado en Salceda de Caselas, no que participaron representantes dos 40 municipios inscritos nesta edición. O alcalde, Secundino García Casal, foi o encargado de recoller o galardón, que volve refrendar o traballo municipal na conservación e mellora dos espazos verdes, na protección da paisaxe e na promoción dunha xestión ambiental sostible.

Vilas en Flor é unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), co apoio da Xunta de Galicia. O programa busca premiar simbolicamente a aqueles municipios que apostan por ofrecelle máis calidade de vida á súa veciñanza a través dos espazos verdes, o axardinamento, a protección da biodiversidade e a sensibilización ambiental. O certame distingue os concellos participantes cunha cualificación de entre unha e cinco Flores de Honra -o máximo en Galicia ata agora foron catro-, concedidas tras unha avaliación técnica na que se teñen en conta tanto o estado dos espazos públicos como as políticas desenvolvidas para a súa conservación e mellora.

San Sadurniño conseguiu por primeira vez as tres Flores de Honra en 2021 e desde aquela vén renovando anualmente esta cualificación, consolidando a súa presenza entre os municipios galegos máis destacados polo coidado da paisaxe e dos espazos públicos. A continuidade do distintivo reflicte o traballo desenvolvido no mantemento dos xardíns e zonas de lecer, e na posta en valor dos recursos naturais do territorio, principalmente os da trama urbana.

De feito, na visita de avaliación realizada o pasado 20 de outubro, o xurado de Vilas en Flor puido coñecer de primeira man algunhas das actuacións desenvolvidas polo Concello desde o ano pasado, como foron as intervencións acometidas nos últimos meses na zona da Cortiña e dos xardíns municipais, onde se renovaron as instalacións da horta de conservación de froiteiras; ampliouse a superficie e o equipamento da área de servizos para autocaravanas e tamén se renovou e incrementou o contido da Fraga Máxica -onde agora tamén hai un parterre con plantas aromáticas e froitos silvestres comestibles-, ademais de construír unha nova zona de xogos nos xardíns do pazo e de promover ideas tan innovadoras como a caseta multiúsos do comear didáctico, que tamén funcionará como espazo da apiterapia.

Outro dos aspectos destacados da candidatura 2026 foi a recente elaboración dun inventario da flora presente nos terreos de titularidade municipal. O estudo permitiu identificar 75 especies vexetais e contabilizar 893 plantas distribuídas en máis de 4,5 hectáreas de espazos públicos. Trátase dunha ferramenta que, ademais de documentar a riqueza botánica do municipio, facilitará a planificación de futuras actuacións de conservación, mantemento e mellora ambiental.

O alcalde, Secundino García Casal, valorou moi positivamente a renovación das tres Flores de Honra por sexto ano consecutivo, que considera un respaldo ao traballo desenvolvido polo Concello. “Estas tres flores veñen confirmar que estamos facendo as cousas ben, que o traballo que levamos anos desenvolvendo para coidar e mellorar os nosos espazos públicos vai na boa dirección”, sinalou o rexedor.

A obtención das tres distincións mantén o municipio entre os concellos galegos recoñecidos polo seu traballo na conservación paisaxística e na sustentabilidade. Neste sentido, o alcalde considera que o resultado debe servir como estímulo para seguir avanzando: “Estas tres flores dannos forza para continuar mellorando e traballando para, quizais no futuro, chegar ás catro Flores de Honra, que son sinónimo de excelencia”. García Casal insiste en que, máis alá dos premios, “o importante é que todo este esforzo se traduza nun concello cada vez máis coidado, máis verde e con espazos públicos dos que poida gozar toda a veciñanza”.

Share.