Eleccións xerais do 29N, estas son as datas que cómpre ter en conta

0

A maquinaria electoral xa está en marcha e, aínda que a campaña oficial non comezará ata o venres 13 de novembro, as eleccións xerais adiantadas do domingo 29 xa levan semanas protagonizando a axenda informativa, mesturándose incluso coa traxedia ferroviaria da semana pasada, convertida xa en elemento de pugna política. Deixando de lado a precampaña, que só se diferenza da campaña en que non se pode pedir o voto directamente, estes días están marcados pola polos preparativos do proceso, entre eles a proclamación das candidaturas, os sorteos das mesas electorais ou o envío das tarxetas do censo, que estivo en exposición pública ata hai uns días. Tamén cabe mencionar que quen queira votar por correo pode solicitalo até o día 19. Repasamos o calendario e os prazos que cómpre ter en conta ata o día das votacións.

O primeiro prazo inmediato afecta á composición das mesas electorais. Entre o 31 de outubro e o 4 de novembro, os concellos deben realizar os sorteos públicos para designar as persoas que actuarán como presidentes ou presidentas, vogais e suplentes. No caso de San Sadurniño o pleno do sorteo celebrarase este martes ás 09:30h e a comunicación aos nomes que saian farase nos tres días seguintes. Quen reciba unha notificación disporá de sete días para presentar ante a Xunta Electoral de Zona as alegacións que considere oportunas, sempre que poida acreditar unha causa xustificada que lle impida desempeñar esa función.

Outro dos prazos que cómpre ter presente é o do voto por correo. As persoas residentes en España que queiran utilizar esta modalidade poden solicitala ata o xoves 19 de novembro. A documentación necesaria comezará a enviarse o día 9 e deberá remitirse o voto antes do 25 de novembro. A solicitude pode tramitarse presencialmente nas oficinas de Correos ou a través da súa sede electrónica.

As listas definitivas de cada partido político ao Congreso e o Senado publicaranse este martes no BOE e a campaña electoral -oficial- estenderase desde as 00:00h do venres 13 ata as 24:00h do venres 27 de novembro. Serán quince días nos que as distintas candidaturas poderán presentar os seus programas e propostas. O sábado 28 será a xornada de reflexión, na que xa non se poderá realizar propaganda electoral nin pedir o voto. Ademais, o luns 23 será o último día no que se poderán publicar enquisas sobre a intención de voto.

O domingo 29 de novembro abrirán os colexios electorais ás 9:00 horas e a votación prolongarase ata as 20:00 horas. Para identificarse será necesario presentar o DNI, o pasaporte ou o permiso de conducir, sempre con fotografía. As persoas que teñan que traballar ese día poderán dispoñer de ata catro horas libres retribuídas para acudir ás urnas, coa correspondente adaptación se teñen unha xornada laboral reducida.

Cómpre lembrar tamén que as tarxetas censuais comezarán a enviarse a partir deste luns 2 de novembro. Nelas figurará o colexio electoral e a mesa que lle corresponde a cada persoa, aínda que tamén se poden consultar estes datos na sede electrónica do Instituto Nacional de Estatística. Para resolver dúbidas sobre o censo, os locais electorais ou os distintos procedementos de votación, a Oficina do Censo Electoral ten habilitado o teléfono gratuíto 900 343 232.

En San Sadurniño forman parte do censo electoral 2.388 persoas, que deberán exercer o seu dereito na mesa que lles toque das seis que se constituirán o domingo 29. Son a do CPI de San Sadurniño, a do local social de Naraío, a do local social do Chao de Lamas, a de Santa Mariña do Monte -no local da Golpilleira-, a de Bardaos -situada no local da Bañoca- e, por último, a da escola indiana da Leiriña, en Ferreira, onde votarán todas as persoas desta parroquia e tamén as censadas en Igrexafeita.

Share.