San Sadurniño celebrou este xoves sesión extraordinaria do pleno municipal. A reunión do máximo órgano de representación do Concello comezou gardando un minuto de silencio en sinal de dó polas vítimas mortais do accidente de tren en Toledo. Un minuto co que a corporación municipal quixo expresar o sentimento solidario de todo San Sadurniño coas familias e persoas feridas, ademais do agradecemento aos equipos de urxencias e, sobre todo, á veciñanza do concello de Urda que lles foi valer desde o primeiro momento. Tralo xesto de respecto institucional, a sesión meteuse de cheo nos tres únicos puntos que compuñan a orde do día que, malia ser de trámite, xeraron abondoso debate. O máis destacado, a participación municipal na primeira fase do cuarto plan adicional da Deputación, que achegará 100.000 euros para gasto corrente e, na segunda, outros 109.000 para investimentos.
O primeiro asunto foi a aprobación da acta da sesión anterior, que saiu adiante co beneplácito dos tres grupos. Non así o segundo tema da orde do día, no que se propuxo efectuar unha modificación de crédito para incorporar máis de 47.000 euros de remanentes líquidos de tesouraría a unha partida económica que no orzamento municipal figuraba cunha dotación de só 3.000.
A operación, que non deixa de ser unha cuestión técnica, consiste en suplementar os fondos no apartado correspondente do orzamento para poder encaixar o pagamento das obras de renovación e mellora dos vestiarios do pavillón municipal, cifradas en 47.058,17 euros.
O representante do PSdeG-PSOE votou a favor da modificación orzamentaria, mentres que o PP optou pola abstención alegando descoñecer o proxecto ao que se destinan os fondos. Ademais tamén iniciou uns minutos de controversia máis ou menos encendida co Grupo de Goberno a raíz do contido dun dos informes redactado polos servizos administrativos municipais no que, segundo o PP, había un cadro “cunha liña en branco” relativa aos datos económicos da modificación.
O BNG defendeu o traballo do persoal do Concello e apuntou que a cantidade omitida “por un erro involuntario” (motivado por un salto de páxina nos folios) figuraba noutro dos cadros da documentación do asunto, ademais de acusar ao Partido Popular de non saber ler e de querer “enguedellar” e “darlle voltas” a unha cuestión sen trascendencia.
Unha vez superado o trámite plenario, a modificación deberá exporse ao público e, de non haber alegacións, quedará aprobada automaticamente.
Novo POS+ Adicional
O segundo grande tema do pleno era a votación da primeira fase do cuarto plan adicional habilitado este ano pola Deputación da Coruña. Un plan que reservou para San Sadurniño unha contía total de 209.000 euros: 100.000 para esta primeira fase, que irá integramente dedicada a gasto corrente; e os 109.000 restantes, que se dedicarán a investimentos financeiramente sostibles.
Neste sentido, o Grupo de Goberno xa avanzou que esa segunda fase -que tamén se deberá levar a pleno antes do remate do ano- seguramente se destinará á ampliación e mellora do local social de Santa Mariña do Monte.
Neste tema houbo unanimidade e practicamente ningún debate. Con todo, o BNG aproveitou a exposición de motivos para destacar a importancia do POS+ para os concellos, xa que “respecta a autonomía local e permite planificar mellor os gastos e investimentos municipais”.
O Grupo de Goberno precisou que este ano San Sadurniño recibirá 1.358.000 euros provenientes da Deputación. “Son un millón de euros máis que o que achega a Xunta a través do Fondo de Cooperación Local”, dixo a portavoz do Executivo, Mari Carme Muíño Filgueira, establecendo a comparativa para reclamar deseguido maior finanzamento autonómico.