O Concello de San Sadurniño vai reeditar a finais de novembro as exitosas xornadas micolóxicas estreadas o ano pasado, como maneira a medio camiño entre o lúdico e o formativo de achegarse ao mundo dos fungos e dos cogomelos e aprender a recoñecelos no medio natural. A actividade desenvolverase o venres 27 e o sábado 28 de novembro tendo ao experto José Luis Cuba como encargado de impartir a charla inicial e guiar a saída práctica aos montes da zona. As xornadas teñen un prezo de 10 euros e ofrecen 25 prazas. As persoas interesadas poden reservar a súa ata o martes 24 de novembro, escribindo ao enderezo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919. Unha vez confirmada a praza será necesario cubrir o formulario de inscrición e efectuar o pagamento.
A programación comezará o venres 27 de novembro cunha charla sobre fungos e cogomelos que terá lugar na Casa da Xuventude de 20:00 a 21:30h. A sesión servirá para avanzar, a xeito de introdución, as principais especies que se poden atopar nos montes da comarca e coñecer as súas características, ademais de abordar outras cuestións que se porán en práctica ao día seguinte.
O sábado 28 de novembro, entre as 8:30 e as 14:30h, as persoas participantes sairán desde a Casa da Xuventude cara aos montes da zona -posiblemente o Forgoselo- para identificar e recoller cogomelos sobre o terreo. O percorrido, igual que a teoría da véspera, estará guiado e supervisado por José Luis Cuba, toda unha autoridade na materia e un dos grandes referentes da micoloxía en Ferrolterra e Ortegal, onde leva anos divulgando os seus coñecementos sobre as especies que medran nos montes da comarca.
Cuba compaxina a súa actividade profesional como músico coa formación e a divulgación do mundo dos fungos e cogomelos, xa sexa nas saídas de campo que dirixe ou a través da súa canle de YouTube, Luis Cuba y la Micología, que ten case 24.000 persoas subscritas. Ademais tamén é autor da guía Cogomelos da terra de Ortegal, na que recolle información sobre máis dun cento de especies, os seus hábitats e características.
Recoller cogomelos: sempre con sentido e atendendo á normativa
A recollida de cogomelos require coñecementos para distinguir as especies comestibles das tóxicas. Non existen regras sinxelas baseadas na cor ou na forma que permitan diferencialas con seguridade, polo que só se deben recoller exemplares que estean perfectamente identificados.
A normativa galega regula os aproveitamentos micolóxicos e establece condicións para a recollida. Para consumo propio, o límite xeral é de dous quilos por persoa e día, sempre que non existan restricións específicas na zona. Os cogomelos deben extraerse coidadosamente, sen remexer nin danar o chan, e transportarse en cestos que permitan a dispersión das esporas.
Cómpre tamén respectar as propiedades privadas e comprobar se o aproveitamento está regulado ou restrinxido. E é que se debe ter presente tamén que, segundo a normativa en vigor, os propietarios e propietarias de montes que queiran impedir a recollida de cogomelos por parte de persoas alleas, deberán comunicarlle á Xunta o acoutamento da parcela e indicalo claramente no seu perímetro. Doutro modo, calquera poderá entrar e apañar sen impedimento.
O Monte Forgoselo, sen ir máis lonxe, é un couto micolóxico impulsado pola Asociación de Veciños Monte Forgoselo que conta cun sistema propio de regulación da recollida de cogomelos. As persoas socias poden recollelos gratuitamente para consumo propio, mentres que o resto de persoas interesadas deben obter o permiso correspondente.
Este ano, os permisos non se comercializarán por internet. Poderanse adquirir no bar 3×4, en As Neves, e na tenda da Cooperativa Campo Capela, no lugar dos Calzados. Tamén se pode contactar coa Asociación de Veciños Monte Forgoselo a través do correo electrónico avforgoselo@gmail.com para solicitar información.
Folla de inscrición nas xornadas (Deberase cubrir e rexistrar cando se nos confirme a praza, que antes haberá que reservar no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal)