O Centro de Día acollerá un encontro sobre a vida cotiá en San Sadurniño nos primeiros anos da ditadura

0

Trala sesión celebrada en Naraío hai uns días, o proxecto “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” continuará desenvolvendo o seu calendario o próximo martes 3 de novembro cun encontro participativo no Centro de Día de San Sadurniño. A actividade, prevista para as 12:00h, abordará nesta ocasión como era a vida cotiá no concello nos primeiros anos da ditadura franquista, recorrendo para este exercicio de memoria colectiva ás lembranzas e experiencias das persoas usuarias do centro. Na charla -máis ben conversa- participarán o historiador Roque Sanfiz e a comunicadora das Emisoras Municipais Galegas Ana Isabel Santiago, que tamén falarán sobre a figura dos “escapados” ou da chegada da radio a San Sadurniño. O ciclo, encadrado nas accións de recuperación da memoria histórica recente, está promovido polo Concello e a propia asociación de radios municipais coa colaboración da Deputación da Coruña.

A sesión do martes 3 busca recuperar a memoria sobre unha etapa que deixou pegada na vida das familias e na organización da sociedade local. O formato participativo permitirá compartir recordos e coñecementos sobre o día a día daqueles anos, así como sobre as persoas que tiveron que fuxir ou agocharse tras o golpe de Estado de 1936 e os cambios que supuxo a chegada da radio como medio de comunicación.

O programa continuará ao día seguinte, o mércores 4 de novembro, no CPI de San Sadurniño, cunha charla e un obradoiro de podcast. A xornada incluirá a presentación da banda deseñada A morte nas fragas e da curtametraxe Os fíos da memoria, coa participación da escritora e profesora Anxos García Fonte.

O sábado 7 de novembro descubrirase unha placa cerámica en memoria das vítimas do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e da ditadura franquista (1936-1975). A programación dese día completarase cunha charla sobre a sociedade de San Sadurniño entre 1900 e 1950, coa que se afondará no contexto histórico e social no que se produciron aqueles acontecementos.

A última cita será o luns 9 de novembro na Biblioteca Municipal, cunha sesión do club de lectura arredor de A morte nas fragas. O encontro contará coa presenza do ilustrador Carlos Sardiña e da guionista Anxos García Fonte, que participarán na conversa sobre esta obra vinculada á recuperación da memoria histórica.

“Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño coa colaboración de EMUGA, a asociación de emisoras de radio municipais de Galicia, e o apoio económico da Deputación da Coruña. Trátase dun programa co que se busca abordar a memoria da Guerra Civil e da ditadura desde diferentes espazos e formatos participativos.

As actividades que agora se están desenvolvendo foron precedidas dunha investigación da represión franquista no municipio. De feito, no encontro de hai uns días en Naraío, Henrique Sanfiz falou sobre a depuración do secretario municipal, Juan Rilo Rodríguez -quen anos despois, e tras un longo litixio, volvería recuperar o seu posto de habilitado nacional-, ademais de mencionar as incursións da guerrilla do maquis na parroquia ou como a Garda Civil -sobre todo coa súa facción paralegal coñecida como “contrapartida”- foi eliminando sistematicamente á maioría dos “escapados” de toda a volta.

Esta sorte de policía segreda á marxe da lei operaría na nosa zona até practicamente os anos 50 baixo as ordes de Antonio Morado Rico. A “contrapartida”, confundida en moitas ocasións coa “brigadilla” da Garda Civil -debido a que os métodos ás veces eran semellantes- deixou no camiño, literalmente, ducias de vítimas paseadas sen ningún tipo de xuízo. Foi o caso de dous veciños de Naraío asasinados, segundo os informes da época, na noite do 22 para o 23 de abril de 1948, que apareceron aboiando no mar un día despois.

A documentación localizada até o momento non permite esclarecer os feitos nos que puideran estar implicados nin tampouco hai constancia de sentenzas na súa contra, razón pola que tamén deben ser consideradas vítimas do sistema de represión franquista.

A programación “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” coincide no tempo coa celebración, o sábado 31 de outubro, do Día do Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra Civil e a ditadura, establecido pola Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática. Esta conmemoración enmarca as actividades do ciclo, que buscan recuperar a memoria das persoas represaliadas e achegar á veciñanza o coñecemento sobre o pasado recente de San Sadurniño.

Ademais, dentro deste proxecto tamén está previsto eliminar a placa da victoria franquista (o VICTOR entrelazado) do lavadoiro do Chao de Lamas, único símbolo franquista que aínda queda á vista no noso concello.

“Entrerrar o espírito da Guerra e os discursos do odio” é unha iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña.

Share.